Nin a lixeira choiva, nin un día desapacible nin o baixón nas temperaturas. Nada desanimou ós romeiros que cada ano acuden fieis a súa cita na aldea buenense de Ermelo -segundo a toponimia oficial da Xunta, sen hache- para celebrar a festividade de Apóstol Santiago. Todo un grupo de irreductibles, como aqueles da aldea gala que describían Goscinny e Uderzo nas historias de Astérix e Obélix.

Tamén é certo que foron poucos, moi poucos, os que optaron por quedar a comer no monte. A lixeira choiva non era unha compañeira grata e iso notouse, non só en Ermelo, senón en toda a comarca. Habitualmente, nunha data como a de onte soen colapsarse as súas vías de comunicación e os accesos ás praias.

Aínda a pesar do tempo, a pequena aldea buenense non renunciou a festexar ó seu patrono, unha xornada que se abriu con fogos de pirotecnia e con pasarrúas pola aldea. A misa solemne na honra do Apóstolo Santiago foi as 13.00 horas, e despois do oficio relixioso houbo aínda tempo para bailes e festa no entorno desta aldea do rural de Bueu. As celebracións continuarán hoxe, cunha misa ás 12.30 horas (nesta ocasión na honra de Santa Ana) e pola noite haberá unha nova verbena.

Patrón de Cangas

Pero a festividade do Apóstolo non só se exalta en Ermelo. Santiago tamén é o patrón de Cangas e onte celebrouse a tradicional misa no interior da ex colexiata. Durante o transcurso do oficio relixioso, o grupo de baile da Asociación Cultural San Andrés do Hío interpretou a Danza do Peregrino. A este acto acudiron representantes do Concello de Cangas e das forzas de seguridade do Estado. As celebracións no municipio cangués continuarán en Donón, con misa, xogos e verbena.