Manuel Piñeiro González / CANGAS

Máis de vinte raparigos e raparigas de diversas idades participaron onte no obradoiro que Luis Davila -humorista gráfico de FARO e da revista quincenal Retranca- e Jvlivs -ilustrador de libros infantís como "Mi primer Cid" ou "Tierra a la vista" e humorista gráfico de publicacións como "El Jueves"- impartiron no Auditorio de Cangas dentro do Salón do Cómic. É o segundo ano que comparten o traballo de animadores e mestres. Esta vez polo prazo de tres días, coa tarefa de ensinarlles a artesanía do cómic e a caricatura. Concordan en que "estes exercicios son para potenciar a súa creatividade e o azar, para que aprendan a enfrontarse con cousas novas e inesperadas e, polo tanto, saquen as súas propias conclusións "

Sempre hai espazo para os máis pequenos, e para algún que outro máis crecido, no Salón de Cómic. Tódolos anos fanse obradoiros para explotar a creatividade que os máis pequenos levan dentro, nunha etapa na que esta é parte fundamental para o bo desenvolvemento da personalidade. Os organizadores e profesionais da ilustración que participan neles sábenno e por iso, ano tras ano, repiten estas actividades con éxito.

Con este obxectivo, onte prepararon dous exercicios. Primeiro fixeron unha cabeza dun personaxe que cada un elexiu nun folio dobrado á metade. Logo, intercambiaron os debuxos para facer o corpo noutra parte do folio sen poder ver a cabeza antes pintada por outro compañeiro. Así saíron personaxes tan curiosas coma "mortadelo-dragón", "árbore-trasno" ou un "ama de casa-robot".

No segundo exercicio, nunha parte dunha folla debuxaron un obxecto e máis tarde deberon recrealo con "vida", isto é, humanizando os obxectos con ollos, boca, orellas e todo o que se ocorrese engadir. Esta técnica é moi usada nas bandas deseñadas.Os mestres aclararon e incidiron en que non pretenden ensinar nestes talleres a debuxar correctamente, senón a potenciar a imaxinación dos rapaces e rapazas que se acheguen. Pero Luís Davila tamén destaca que "para nós é unha experiencia moi enriquecedora".