A Banda de Gaitas Manxadoira pechou onte os actos de homenaxe a Anxo Gago "Lito" cun xantar de confraternidade ó que asitiron un cento de persoas. Entre elas, os compoñentes da agrupación e numerosos veciños de Bueu e da parroquia canguesa de O Hío, de onde é natural o gaiteiro e ex director da banda. A comida tivo lugar no Restaurante Loureiro e, como non podía ser menos, acabou cunha festa na que a música tradicional galega foi a gran protagonista.

Durante o seu transcurso, os responsables da banda fixéronlle entrega a Anxo Gago "Lito" dun agasallo especial: un retrato feito polo artista cangués Camilo Camaño Xestido, sempre disposto a colaborar coa banda de gaitas buenense. Precisamente a directiva de Manxadoira non ocultaba onte a súa gran satisfacción pola Semana Cultural, que resultou "todo un éxito".

O presidente da agrupación, José García Cuervo, salientou que a exposición organizada na sala Amalia Domínguez Búa recibiu numerosas visitas. De igual xeito, os concertos organizados durante estes días, e en especial o Festival da Alborada do sábado pola noite, rexistraron unha gran afluencia de público.

O obxectivo da Semana Cultural organizada pola Banda de Gaitas Manxadoira era o de homenaxear ó seu ex director, que tivo que deixar a formación hai uns cantos meses. Así organizou múltiples actividades e actos, incluindo a edición de un libro e un recoñecemento expreso por parte dos grupos municipales da corporación de Bueu.