A cervexería O Farol, en Bueu, está de noraboa. Este ano cumpre xa un cuarto de século de vida e para celebralo acaba de organizar un festival musical con artistas de recoñecido nivel, como Nacho Mastretta ou o que foi líder de Los Enemigos, Josele Santiago. O concerto terá lugar o vindeiro venres 25 de xullo na pista deportiva de Banda do Río, xusto fronte ó propio local buenense. A entrada será de balde e as actuacións está previsto que comecen a partir das 21.30 horas.

Mastretta está considerada como unha desas bandas de "culto" e está liderada polo multiinstrumentista Nacho Mastretta, un músico que conta xa cunha ampla traxectoria e que nos directos se caracteriza pola calidez e colorismo da súa música. Pola súa banda, Josele Santiago é unha das personalidades máis características e recoñecibles do rock español. O ex líder de Los Enemigos, outro grupo de culto, presentará algúns temas do seu próximo disco en solitario.

O cartel complétase coa actuación da Farol Band e Los Coronas. O primeiro é un conxunto formado por músicos de gran nivel que acompañan nas xiras a artistas como Joaquín Sabina ou Antonio Vega. Mentras, Los Coronas é un grupo de rock instrumental formado a finais dos anos oitenta e que se converteu xa en todo un referente a nivel internacional.