A campaña de excavacións arqueolóxicas no Monte do Facho farase este ano a través dunha empresa especializada que se encargará de poñer a man de obra e os materiais necesarios para desenvolvela. O Concello ten aberto o proceso de contratación por procedemento negociado, que debe rematar antes de finais de xullo, segundo comunicou o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos. Logo iniciaranse os traballos, cunha duración prevista de tres meses. Así, por primeira vez as excavacións realizaranse en agosto, setembro e outubro, unha novedade que o arqueólogo responsable, José Suárez, agarda rendibilizar co bo tempo, fronte ás choivas de maio.

"O plan de traballo é continuar o realizado nos últimos anos, rematando o pouco que queda por descubrir no santuario do cumio do monte e centrarnos un pouco máis no poboado", sinala Suárez Otero, que estima que poderían aflorar arredor dunha vintena máis de construccións que sumar ao medio centenar xa descuberto. Ao mesmo tempo, os esforzos orientaranse agora a conservar e consolidar os achádegos, coa proposta de reconstruir unha parte do santuario de Berobreo cara a facilitar as visitas a partires do próximo verán.

Proposta museística

Ademais, estase á espera da posta en marcha do proxecto de musealización, que está a expensas da construcción de que se resolvan os trámites para construir un área de interpretación arqueolóxica. Neste sentido, onte déronse pasos cara adiante, xa que chegou ao concello o compromiso de venda da última das tres parcelas necesarias para asentar as instalacións. O Concello pretende formalizar estes contratos ante notario e iniciar o proceso de contratación das obras, coa intención de rematalas antes de fin de ano e manter a subvención concedida pola Unión Europea.