Os escarabellos, co permiso do tinta femia, foron os grandes protagonistas da fin de semana en Bueu. Pero non os da pataca, senón os de catro rodas que fabricaba a Volkswagen. Eles foron os encargados de marcar o paso polas estradas e rúas da vila dende o sábado pola tarde ata onte o mediodía. A cita estivo organizada polo Escarabellos Club de Galicia e reuniu a máis de medio cento destes coches clásicos.

A marcha tivo o seu punto de saída en Cantoarena, no Concello de Marín. A comitiva saiu de aló o sábado pola tarde e enfilou cara Bueu, pero facendo un longo percorrido pola beira da costa e pasando por praias como a de Portocelo ou Mogor. O punto de encontro na vila buenense foi o barrio da Banda do Río, onde os veciños e curiosos puideron admirar algúns destes vehículos. O máis antigo data do ano 1958 e acaba de cumprir o seu primerio medio século. Tamén había un vehículo militar fabricado pola Volkswagen e incluso un par de furgonetas Westfalia.

As actividades retomáronse onte, cunha marcha ata o entorno de Cabo Udra. Alí os escarabellos quedaron a descanasr e os seus propietarios completaron o percorrido da ruta de sendeirismo recuperada polo Concello de Bueu. Finalmente e como despedida da concentración de 2008, celebrouse unha comida de confraternidade no Hotel Bueumar.

Dende 1994

Esta cita organízase dende o ano 1994, uns anos en Marín e outros en Bueu. Nesta ocasión, inicialmente estaba previsto que tívese lugar na vila veciña pero a "actitude negativa" mostrada desde el Concello de Marín fixo que a organización cambiase de plans. Habitualmente, tamén acuden a esta cita os membros dun clube de escarabellos de Salamanca pero este ano os compañeiros "charros" non puideron achegarse ata Galicia.