Manuel Piñeiro / O Morrazo

A XXV Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas xa ergueu o seu telón. Dende onte e ata o vindeiro 12 de xullo, a arte dramática será a gran protagonista na vila, con actuacións de compañías de prestixio e dun alto nivel.

O acto inaugural de onte, celebrado no Auditorio municipal, foi moi especial. A Mostra leva xa un cuarto de século ás súas costas e unha data tan especial deixouse notar no ambiente. Nesta ocasión, a honra de ler o pregón teatreiro e festeiro recaiu na actriz galega Mela Casal. Tamén máis coñecida como a Socorrito, ou a Celia Rei, ou a Celsa, ou Sofía Fornas... É todo un referente nas mulleres que fan escola no teatro cómico e festivo e moi coñecida polos seus papeis en "Mareas vivas", "A vida por diante" ou incluso no Lúar. Onte deixou ben ás claras a súa condición de actriz cun pregón orixinal e fóra da tendencia habitual.

O seu foi un discurso teatralizado e improvisado, que ninguén, nen sequera ela mesma, coñecía antes de subirse ó escenario e no que apareceu caracterizada como unha muller da limpeza. E nesa labor de limpeza, chea de ironía e retranca, esforzouse abondo "porque hai merda para dar e tomar".

No seu monólogo lembrouse de xente coñecida - "a Pazos tíralle moito Cangas, pero a quen non?", interrogou ó público-e tamén reivindicou o valor da canteira teatral galega. "Estes rapaces novos do teatro merecen que no-los leven fora", para exportar e dar a coñcer o que aquí se fai e se representa.

Mela Casal non agochou o seu cariño e entusiasmo polo evento organizado por Xiria. "Son unha grande admiradora da Mostra", asegurou antes de subirse ó escenario. E ó mesmo tempo lembrou que ela estivo presente nos seus comezos. "Eu estaba alí e podo dicir que aquilo era moito, pero o Cine Avenida non era o sitio adecuado para actuar e agora xa hai un auditorio con setecentas persoas", lembra a actriz galega. Tanto tempo tamén se deixa notar sobre a organización, "¡o que mellorou!", e asegura sen reparos que "así dá gusto". Pero se hai algo co que se queda é que "isto cada vez vai a máis".

Discursos

Ó acto de inauguración acudiron responsables políticos do Concello de Cangas e da Xunta de Galicia. Destacou a presencia do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, quen salientou a importancia e a relevancia da Mostra canguesa. "É un dos festivais máis antigos xunto ao Abrente de Ribadavia", indicou. Bará, antes crítico musical e concelleiro de Cultura de Pontevedra, sinalou no seu discurso que "a Mostra e unha homenaxe á cultura galega e ésta merece ser homenaxeada".

A inauguración dun evento como o de onte "é un bo momento para facer unhas reflexións sobre a cultura galega". Neste contexto reivindicou o papel da creación cultural como camiño para saír das crises. "Ésta é unha época de mudanzas, de crise e de grandes discriminacións", manifestou ante o público.

A última en intervir foi a alcaldesa de Cangas, Clara Millán, que sinalou que a Mostra "deu vintecinco anos de momentos inesquecibles, que ligaron calidade e popularidade". Fixo tamén unha invitación ó público presente a desfrutar dos intensos días e noites de teatro que se aveciñan. "Desexo que desfrutedes, celebrémolo xuntos e levantemos o telón", sentenciou.