Mil primaveiras máis para o CIM de Bueu. Ése foi o desexo de Xosé Alfredo Naz, gañador do certame de relatos de muller Matilde Bares de 2007 no acto que onte se desenvolveu no salón de plenos do concello buenense. Pero por riba de Naz, que viu publicada a súa obra premiada, "Círculo", o verdadeiro protagonista do evento foi Serafín Parcero, gañador da presente edición cun relato que leva por título "Ollos de cinsa".

Parcero recibiu de mans do alcalde buenense, Félix Juncal, o diploma acreditativo como gañador desta cuarta edición e o cheque por valor de 1.500 euros co que está dotado este galardón. Juncal recalcou a importancia dun certame de muller na sociedade actual xa que "aínda que legalmente hai igualdade de dereitos queda moito camiño por diante para que a igualdade sexa plena". O galardoado, pola súa banda, sinalou que quen merece ser felicitado é o concello de Bueu por contar con premios de poesía e xornalismo (Xohán Carballeira) e relatos (Matilde Bares), "o que demostra a grandeza deste municipio". Todo isto nun acto no que estiveron presentes a edil de Igualdade, Laura Ogando, así como os concelleiros María Teresa Magdaleno, José Manuel Vilas, Juan José Menduiña e José Barreiro.

Xosé Alfredo Naz tamén tomou a palabra para lembrar que das catro edicións do premio en tres delas os gañadores foron homes, "algo significativo porque parece que o pensamento social xa se vai encamiñando". A Banda Manxadoira foi a encargada de pechar o acto con dúas pezas tradicionais.