O amor, o desamor. O humor, o deshumor. A vida que corre e o gañapán para atrapala. Os grandes problemas con respostas sinxelas. O verso como refuxio e punta de lanza. Temas de sempre que cobran vida nova por obra e arte da palabra desfilaron onte polo escenario do IES María Soliño na entrega dos premios ós estudiantes galegos gañadores do XXIV Certame de Poesía María Soliño, nun concurrido acto ó que non faltaron a meirande parte dos distinguidos e as súas familias, e que foi amenizado por un grupo de músicos do instituto cangués, con temas propios para a ocasión.

Despois de saudar ó público, presentar ó xurado -formado polo escritor e crítico literario Carlos Freire e o xornalista Gonzalo Martínez- e de explicar a dinámica do certame, deuse lectura á relación de gañadores, chegados de distintos puntos xeográficos. En categoría A, para alumnos de ESO, o primeiro premio foi para Xenxo Martínez Rodríguez, do instituto de Brión (A Coruña). No segundo lugar foron seleccionados os poemas de Sabela Rodríguez Lorenzo, do IES Otero Pedrayo, de A Coruña; mentres que o terceiro compartírono Alexandra López Arca, do instituto Virxe do Mar, de Noia, e Ana Santomé Estévez, do Johán Carballeira, de Bueu.

En categoría B, para o alumnado de bacharelato e ciclos de grado medio, resultou gañador Alejandro Pregue López, do IES Rosalía de Castro, de Santiago. O segundo posto foi para Andrés Ortiz Alonso, do IES Carlos Casares, de Viana do Bolo (Ourense); e o terceiro para Santiago Villares Soriano, do IES Pontepedriña, de Santiago. Repartíronse 200, 100 e 50 euros en cada categoría, e os traballos seleccionados formarán parte dunha publicación que sae á luz cada ano. No acto de onte presentouse a da XXIII edición.

Tras recibir as distincións, cada galardoado leu un dos seus poemas: "Sente o canto da vida", "A dor é ambigua", "No latir do teu pulso aparezo", "Benqueridos habitantes dos semáforos", "Dez mil tanques rompen a noite", "Ultimamente a vida non está para entendela", "Neste universo meu de ventás tapiadas", "Porque eu son un imposíbel", ou "Escapóusenos o tempo case sen darnos conta". E así foi.