Ábrese o telón da XXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Aínda que, de momento, só o das taquillas, xa que a organización porá hoxe á venda, durante unha semana, os abonos para asistir a todos os espectáculos que se representen no Auditorio. As persoas interesadas en mercalos poden facelo a través de Internet, na páxina web www.caixanova.es, entrando na taquilla on line, ou ben no teléfono 902 504 500.

Os espectáculos que se inclúen no abono -cun custe de 56 euros para o patio de butacas e de 48 para anfiteatro e palcos- son "La Cena", de Els Joglars (xoves 3); "Aeroplanos", de Lagarta, Lagarta (sábado 5); "O Grande Criador", de Chapitó (domingo 6); "Sin título 8x4x6", de Monicreques Kukas (martes 8); "Las siamesas del puerto", de Alén Teatro (mércores 9); "De Mahagonny a Youkali", de Vicky Peña e Jordi Camell (xoves 10); "Como piedras", de El Pont Flotant (venres 11) e "Casa Matriz", de Dos Lunas Teatro, que pecha a Mostra o sábado día 12.

Entradas individuais

Os abonados teñen a ventaxe de que se lles garantiza a praza a todos os espectáculos, así como unha reducción no prezo ó mercalo de forma global. Pero os que prefiran asistir a espectáculos concretos tamén teñen esa posibilidade. A actuación de Els Joglars é, con moita diferencia, a máis cara do programa, xa que custa 20 euros en butaca e 18 en anfiteatro e palcos. Os demais espectáculos teñen un prezo de 6 e 5 euros nas respectivas ubicacións, mentres que o prezo para Monicreques Kukas é único de 5 euros, ainda que os menores de 12 anos teñen desconto e só pagarán 2 euros.

A calidade do programa fai augurar un éxito de público, necesario para que a Mostra cubra, nas vodas de prata, o maior orzamento da súa ampla historia.