Despois de Xosé Fernández Canosa, "o gaiteiriño do Piñeiro", Pepe "O Choula" foi o veciño homenaxeado onte na segunda edición do "Serán do Gaiteirinho", que se celebra no adro de San Amaro, en Aldán, organizado polo colectivo Batea Sonora. Centenares de veciños disfrutaron dun programa que comenzou ó mediodía coa degustación de productos típicos, como empanadas, mexilóns, navallas, fabada e callos. Posteriormente celebrouse un concurso de empanadas no que se premiaron a especialidade máis tradicional, a máis innovadora e a que condensaba as mellores condicións da arte culinaria entre os expertos neste manxar.

Despois do xantar comenzou o entretenemento para os máis cativos, con xogos e actividades diversas, así como varias actuacións musicais protagonizadas polas pandereteiras Malmequer e a charanga Lembranzas da ría, así como os grupos de espontáneos que se uniron á festa pola tarde.

O último acto do programa foi o concurso de fotografía dixital, que xirou sobre o tema "O serán do gaiteirinho", cun límite de dúas instantáneas por participante e un premio único. As bases especificaban que só se podían presentar traballos en formato dixital, co software necesario para descargalas.

O colectivo Batea Sonora formalizouse a finais de 2006 co obxectivo de difundir distintas manifestacións culturais. En a penas ano e medio teñen organizado actividades coma os festivais de música electrónica Non Parei e Area e Son, así como catas de viños e colaboración coas Noites de Palangre.