"Santa Liberdade", un filme de Margarita Ledo Andión que se proxecta ás oito da tarde no Auditorio de Cangas, abre hoxe as Primeiras Xornadas de Cine pola Memoria Histórica, que organizan o Colectivo pola Memoria Republicana do Morrazo, Cangas pola Memoria Común e Sociedade Galega pola República coa colaboración da Concellería de Cultura.

A acción acontece no Mar do Caribe en 1961. O navío "Santa María" é tomado por un grupo de antifascistas. Baixo o mando do portugués Henrique Galvão, os galegos Velo e Sotomayor e unha vintena dos chamados "piratas da liberdade" ibéricos escriben un curioso capítulo na loita contra as dictaduras de Franco e Salazar: O primeiro secuestro político dun trasatlántico. Este documental da catedrática de comunicación audiovisual Margarita Ledo conta como o barco foi cercado por buques de guerra dos EE UU, España e Portugal e presenta os propios asaltantes (Federico Fernández Ackerman, Camilo Tavares Mortágua e Víctor Velo Pérez). Interveñen entre outros, o mítico fotógrafo Manuel Ferrol e o escritor Dominique Lapierre.

O ciclo continuará nos vindeiros domingos con outros traballos audiovisuais: Os documentais "Manolo Barros, un rebelde de aceiro", de Cuchi Carreira e Gonzalo Amoedo, e "Cólera", de Manuel Forcadela e María Xosé Queizán; a película "Liste, pronunciado Lister", de Margarita Ledo, ou o documental "Exilios", de Xan Leira, que pechará as xornadas.

Homenaxe no Anguieiro

Os mesmos colectivos que organizan as Xornadas de Cine participarán mañá nunha homenaxe ós "mártires do Anguieiro" depositando unha coroa de loureiro e a bandeira republicana. Tamén está prevista para as próximas semanas unha conferencia sobre os loitadores contra o franquismo e unha cea de confraternidade.