A aula de informática da Casa de Oficios de Cangas serviu onte de escenario para a clausura do Curso de Recursos na Rede de Internet para Mulleres, concedido pola Vicepresidencia de Igualdade e organizado polo Concello. Na actividade participaron 16 mulleres, que recibiron 20 horas de clases prácticas dende o 1 ó 10 de abril. A alcaldesa, Clara Millán -que tamén asume a área municipal de Igualdade-, pechou onte a actividade cunha visita na que puido comprobar os avances realizados polas alumnas, que xa poden facer xestións como a solicitude de cita médica ou a emisión e recepción de información e mensaxes a través do correo electrónico.

O curso enmárcase no proxecto Avanza, "que estimula a formación das mulleres nas novas tecnoloxías para ampliar as súas oportunidades para acceder mellor aos recursos a través do entrenamento en habilidades instrumentais", segundo os promotores. As participantes mostráronse satisfeitas da experiencia e pediron máis iniciativas deste tipo. A rexedora comprometeuse a seguir este tipo de cursos e incrementalos con outro de perfeccionamento.