A súa é máis que unha maioría absoluta. Os votos acadados polo candidato do PP por Cerdedo, José Balseiros, permitiron a este partido conservar a Diputación de Pontevedra. A pesares de que xa hai quen di que é o alcalde popular máis respaldado de España, asegura que seguirá traballando cos pés ben enraizados na terra.

- Acadou vostede o 83 % dos votos. É o alcalde popular máis votado... Como senta?

- Moi ben, moi ben, é unha alegría grandísima e unha enorme satisfacción saber que un conta ca inmensa maioría da confianza dos veciños dun municipio, que entenden o programa e que están con nós. O feito de que 8 de cada dez persoas nos apoien, ou dito doutra forma, que de cada 100, 83 veciños nos dean a súa confianza, é impresionante. Agora hai que devolverllo en forma de traballo. Esa confianza que depositaron hai que devolvela con feitos, traballo e responsabilidade.

- Modestia aparte. Agardaba estes resultados?

- Están aí as hemerotecas e nós sempre dixemos que íamos subir e que íamos a loitar polo concelleiro número nove. E, bueno, despois do nove chegou o dez e por moi poucos votos houberamos conseguido o 11. Así que contabamos cun gran apoio e sabíamos que a xente estaba falando ben de nós e recoñecía as cousas que estivemos facendo nos dous últimos anos. O verdadeiramente importante para nós é saber que a gran maioría da xente e dos veciños de Cerdedo entenderon o noso proxecto, déronse de conta do traballo que fixemos nestes últimos dous anos e da seriedade do noso traballo.

- Non se sinte un abrumado por tanta confianza depositada? Como se responde a iso?

- Esa é a segunda parte da cuestión. É moi bonito recibir tantísimos apoios pero agora comprométeme moitísimo máis. Traballei todo o que fun capaz estes últimos dous anos, pero con estes apoios agora vai a haber que traballar e sacrificarse moitísimo máis. Haberá que ser máis serios e xestionar mellor as cousas. Como dicía antes: devolver aos veciños toda esa inmensa confianza que depositaron en nós con moito traballo e moitos logros para Cerdedo.

- Era ademais o seu primeiro reto electoral como cabeza de lista. Como foi a campaña?

- Fixemos unha campaña con bastante impulso e traballo. Visitamos todas e cada unha das casas do término municipal, entregándolle o noso programa, a revista de feitos, as papeletas e falando con todos os veciños e pedíndolle o seu apoio. Sentino dunha maneira moi similar as outras veces. Estiven moi tranquilo durante toda a xornada electoral.

- Os seus 10 concelleiros só deixan un representante para a oposición municipal. Está claro que o seu e máis que unha maoriía absoluta, que queda para o PSOE?

- Eu díxenlle o candidato do PSOE na noite electoral, que me chamou para felicitarme, que non se preocupe, porque nos ímoslle tender a man. El vai ser un membro da corporación; nós contamos con el e o único que lle pedimos e esperamos e que veña con esa idea de colaborar e de conseguir cousas para Cerdedo. Se é así, será un membro máis da corporación e terá absolutamente todo o noso apoio e toda a nosa axuda e colaboración. Se vén noutra actitude, eu non teño nada que dicirlle, cada quen debe ser responsable dos seus feitos e creo que os veciños o que esperan de todos os concelleiros e de toda a corporación é que traballemos todos a unha para conseguir as mellores cousas para Cerdedo.

- Que pasou en Cerdedo para que o grupo ata o de agora maioritario da oposición, o BNG, desapareza da corporación?

- Supoño que os veciños son moi intelixentes e, o mesmo que souberon ler que nós tiñamos un proxecto verídico, supoño que tamén foron capaces de ver que o BNG neste últimos 4 anos o único que fixo foi confrontar, actuar de forma absolutamente radical, de forma totalmente contraria aos proxectos e iniciativas propostos por este alcalde e o seu equipo. E logo actuar dunha forma... digamos encuberta, sacando boletíns sen firmar por ninguén acusando dun montón de cousas ao alcalde e ao grupo de goberno e, como eu sempre dixen, cóllese antes a un mentireiro que a un coxo e a xente acábase dando conta de quen ten razón e quen non.

- Como resumiría a clave do seu éxito?

- Pois moi fácil, en tres palabras: traballo, seriedade e eficacia. Logo, evidentemente, tamén hai que ter contacto cos veciños, estar aí cando teñen un problema. Cando arde o monte ou lle chega o lume as casas, pois o alcalde ten que estar aí para axudarlles. Cando hai unha inundación, un problema, unha enfermidade, un problema económico... en calquera situación difícil o alcalde ten que estar aí cos veciños, porque estar aí so para presumir ou para os grandes proxectos pódeo facer calquera. Pero un alcalde ademais de ser un bo xestor, traballador e serio ten que ser boa persoa e atender aos seus veciños.

- É dos que pensa que nunhas municipais os veciños votan á persoa, non ao partido?

- Rotundamente. A xente é moi lista e o que lle interesa é a administración mais próxima e a política de acción mais próxima a eles. Seguramente cando votan para unhas eleccións autonómicas ou nacionais fíanse mais das siglas do partido, pero nas municipais, e sobre todo nestes concellos pequenos, eu creo que a gran maioría dos veciños coñecen ao candidato. A min eu creo que a gran maioría dos veciños me coñecen, polo menos eu coñézoos a todos, e evidentemente creo que iso inflúe.

"As obras non deben ser caprichos do alcalde "

- Salvando o caso cerdedense, na comarca o Partido Popular experimentou unha baixa...

- Eu creo que na Estrada as eleccións viñeron precedidas por un montón de problemas no seo do partido. Primeiro porque houbo enfrontamentos e problemas dentro da mesma formación popular, que derivou en escisión, e logo un candidato novo que non tivo oportunidade de demostrar a súa valía. O equipo de persoas que estean ao fronte de calquera partido ten que ser un equipo unido, que coñezan o proxecto e que sexan capaces de solventar sempre as diferencias persoais que é lóxico que as haxa. En Forcarei, pois non sei ben o que pasou, aínda que non me corresponde a min analizalo.

- Toca agora nomear ao deputado que representará á comarca...

- Hai un acordo non escrito de que cada lexislatura túrnase un concello dos da comarca. Nos últimos anos foi deputado David Raposeiras e despois Mario López por A Estrada, e na anterior lexislatura xa nos tocaba a Cerdedo, pero houbo unha petición por parte do partido na que se fundamentaba un interese para que fose o alcalde da Estrada Ramón Campos o diputado. Polo tanto nesta lexislatura contabamos e esperabamos que se respectase novamente o turno e que nos tocase a nós. Logo sabemos que finalmente conservouse o deputado na comarca do PP gracias aos votos de Cerdedo. Eu creo que non vai a haber problema nese sentido. Tiven chamadas de concelleiros tanto da Estrada como de Forcarei nas que me dicían que non habería ningún tipo de problema, que era un posto merecido e que me ían prestar o seu apoio para que eu fose deputado.

- Cales son as súas metas para esta lexislatura?

- A primeira, seguir traballando con ilusión e humildade como ata agora. E a segunda continuar desenvolvendo o proxecto que iniciamos fai un par de anos, e que creemos que está dando un bo resultado, e facelo sen ningún tipo de confrontación coas administracións supramunicipais, ao contrario, tendo unha absoluta colaboración. E por suposto, e por encima de todo, facendo sempre as obras, as inversións e as actuación en constante colaboración cos veciños. As obras e as actuacións non deben ser nunca capricho do alcalde, nin do equipo de goberno, nin sequera da corporación. Imos a seguir tendo os pés no suelo e imos a seguir traballando por Cerdedo.