Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Silleda, prata en microtopónimos

Trasdeza é o segundo concello do país con máis nomes recollidos na achega promocionada pola plataforma Galicia Nomeada

Diego Frade, María Elisa Nogueira (AA. VV. Catasós) e Xoán Carlos García Porral. // Bernabé/Javier Lalín

A aplicación Galicia Nomeada suma preto de 20.000 topónimos nunha colleita onde máis de 6.500 microtopónimos de leiras, fontes ou devesas foron incluídos na aplicación colaborativa dende o mes de marzo malia os atrancos derivados da pandemia. Arredor do 75% dos 20.000 nomes xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e revisa este traballo no que o concello de Silleda é o segundo termo municipal galego cun maior número de achegas, con máis de 1.400 topónimos engadidos, somente superado por Rianxo con máis de 1.800 achegas.

Entre os usuarios máis activos no sistema destacan algúns da comarca dezá. En especial o alumnado do IES Pintor Colmeiro, que achegou 1.187 topónimos do concello de Silleda procedentes do proxecto didáctico A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, traballo de recompilación toponímica e lendaria que gañou o Premio Didáctico Antonio Fraguas no curso escolar 2014-2015. O seu director foi Xoán Carlos García Porral, que traballou tamén en Lalín con 630 nomes. "Traballamos con rapaces de segundo, terceiro e cuarto da ESO do Pintor Colmeiro pero aínda nos quedan máis por poñer. O que pasa que a pandemia fastidiounos porque quedabamos todolos mércores pola tarde, de cinco a seis e media máis ou menos, e quedáronnos como seis semanas para rematar a nosa achega porque poderíamos ir tranquilamente ata os 1.900 ou así". Porral tamén traballou pola súa conta na recuperación da microtoponimia da súa parroquia de Goiás, en Lalín, pero tamén de A Veiga, Botos, Donramiro ou Xaxán, entre outras.

Na nómina de colaboradores da plataforma tamén aparece o silledense de Ponte, Diego Frade, que conseguiu subir máis de 200 microtóponimos de Pontevedra á aplicación. "A verdade e que xa levo uns cantos anos que teño como afición á recompilación principalmente en Silleda. Foi moi sinxelo porque só tiña que pasar o que tiña xa gardado no ordenador á aplicación", lembra Frade. O veciño de Ponte sinala que ten "un listado inmenso pero unha cousa é o que se atopa na documentación histórica e outra cousa máis complicada é localizalos a día de hoxe". O investigador trasdezá lamenta a falta de informantes na zona porque "ao mellor atópaste con parroquias con cen, douscentos ou cincocentos topónimos. Os rapaces do Pintor Colmeiro estábano facendo moi ben pero coa pandemia houbo que parar o traballo".

Outro nome propio é o de Lito González que onte lembraba co seu traballo limitouse a "darlle aos veciños de Catasós a posibilidade de facelo e darlles de alta na aplicación". González non vive actualmente en Lalín e pensa que asociación veciñal de Catasós é a principal protagonista no caso de Lalín e tamén agarda que co remate da pandemia a colleita siga adiante.

Os distintos microtopónimos do Proxecto Toponimia de Galicia pendentes de xeorreferenciar iranse incorporando á base de datos de Galicia Nomeada e a este visor a medida que o Instituto de Estudos do Territorio (IET) complete este labor, explican dende a RAG.

Compartir el artículo

stats