Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ao rescate da media mámoa de Lourido

O colectivo Capitán Gosende reclama que se sinalice e protexa este xacemento megalítico de Cerdedo

Un carballo medra na foca de espoliación da mámoa do Catadoiro I (Lourido-Cerdedo).

Dos trece sitios arqueolóxicos localizados na aldea cerdedesa de Lourido (por desgraza, non todos catalogados), as tumbas neolíticas son as que, no devir dos séculos, recibiron un maltrato meirande. Así e todo, cómpre lembrar a controvertida supervisión arqueolóxica dos traballos forestais desenvolvidos no Outeiro Aciveiro que, hai uns meses, afectaron gravemente a tres gravados rupestres (Faro de Vigo, 7-8-2020).

No tocante ás mámoas, a cobiza polos enxovais funerarios, as actividades agrícolas e forestais e o ancheamento das antiquísimas vías de comunicación (ao pé das cales se erixiron ditas necrópoles) provocaron danos irreparábeis no megalitismo galego e, non ía ser unha excepción, no megalitismo de Cerdedo. Catro son as mámoas consignadas na zona de Lourido (parroquia de Cerdedo); todas catro, catalogadas: mámoas do Outeiro Aciveiro I e II (2001), e mámoas do Catadoiro I e II (2008).

Na actualidade, as mámoas do Outeiro Aciveiro e a mámoa do Catadoiro II son inaccesíbeis (por non dicir, imperceptíbeis) a causa da inclemente matogueira. O seu mal estado de conservación xa se reflectía nos informes de catalogación patrimonial de 2001 e 2008, onde tamén se daba razón dunha quinta mámoa (mámoa do Outeiro Aciveiro III?), asoballada pola apertura dunha pista forestal (Véxase: Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo, Ed. Morgante, 2009, páx. 66).

O obxecto do presente artigo é dirixir a atención das autoridades cara ao túmulo catalogado en 2008 coa denominación imprecisa de "mámoa do Cotadoiro I" (GA36011066). Empregamos o cualificativo de "impreciso" para o asento, xa que o lugar ao que se fai referencia denomínase O Catadoiro (de catar "divisar, albiscar"), malia que, en realidade, a medorra se atope nos predios coñecidos polas Abeleiras (coordenadas X: 549.339; Y: 4.707.854; alt. 481 m), perto de onde o colectivo Capitán Gosende descubriu en setembro de 2018 tres petróglifos.

Camiños e estradas

A mámoa do Catadoiro I (ou das Abeleiras) ergueuse á beira dun antigo camiño (hoxe, estrada asfaltada), antano ramificación cara ao sur da ancestral Verea Vella (vieiro trazado en Cerdedo en paralelo aos ríos Lérez e Castro, o seu afluente). Este ramal da Verea Vella (costa do Salgueiral) puña en comunicación o val do río do Castro coas aldeas fundadas nas abas occidentais do monte Costoa (Lourido, Biduído e Chamadoira). Xa a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta do pasado século, abríronse dúas estradas, unha pola Revolta cara a Lourido e Biduído e outra cara a Limeres, para facilitar o tráfico de automóbiles (despois chegaría o asfalto). Ao consultar a fotografía do "Voo Americano" (1956-7), observamos que a mámoa do Catadoiro I se atopaba, naquel tempo, no punto de intersección do camiño da aldea de Lourido co camiño do quinteiro anexo, coñecido pola Outraldea (hoxe, casarío abandonado), ambos os dous, en dirección a Biduído. Nos anos cincuenta, a estrada pola aldea da Revolta aínda era unha aspiración veciñal.

A mámoa do Catadoiro I (ou das Abeleiras), sita entremedias dos lugares de Lourido e Biduído, foi vendo diminuir a súa estrutura ao tempo que a anchura do vial ía en aumento. Así é que, na actualidade, só se conserva a metade da súa masa tumularia, é dicir, apenas media mámoa, que expón calamitosamente as súas entrañas ao acaso. O monumental túmulo das Abeleiras (o seu diámetro orixinal acadou os 45 metros) é, na actualidade, a metade do que foi hai 6.000 anos.

Rozas

Contemplada a curta distancia (por exemplo, dende a estrada que a seccionou), distinguimos sen dificultade a coiraza e a foca de espoliación (cuxo diámetro orixinal atinxiu os 4 metros). Sobre a sección da coiraza e o cráter de violación medran árbores de gran porte.

Se a destrución dunha das metades do túmulo non fose agravio abondo, engadimos as consecuencias da roza da beiravía, labor que se desenvolve cunha frecuencia anual. A corta da matogueira no ribazo da mámoa, realizada con desbravadoras mecánicas, vai deixando ao descuberto o material lítico do que se compón a coiraza, acelerando o deterioro do xacemento e a perda irrecuperábel de información arqueolóxica. Probabelmente, algún dos ortostatos do dolmen (ou arca) foi reutilizado no cerramento dunha leira contigua.

Amais dos recursos necesarios para a súa valorización, o colectivo Capitán Gosende reclama para a mámoa do Catadoiro I (ou das Abeleiras) a debida sinalización, para que os operarios municipais actúen consonte as cautelas establecidas por lei, e en prol da súa conservación.

Así mesmo, Capitán Gosende aconsella a corta da vexetación arbórea e arbustiva que enraíza na coiraza do moimento e a utilización de procedementos de roza non invasivos para, cando menos, paliar a súa degradación e evitar a súa completa desaparición.

Compartir el artículo

stats