01 de agosto de 2020
01.08.2020
Faro de Vigo

José Vázquez Peinó gaña o V Concurso Balbino de Relatos

O xurado destaca "a forza telúrica dunha historia sobre a desaparición do mundo rural"

01.08.2020 | 01:23
Armando Requeixo, Xosé Manuel Lobato, Rosalía Morlán e Carlos Loureiro, xunto a Manuel Núñez, responsable de Edicións Fervenza.

José Vázquez Peinó resultou ser o gañador do V Concurso Balbino de Relatos, coa creación presentada baixo o título Bica de Montouto e lema Un mundo que se vai. Amais de recibir un premio de 1.500 euros en metálico, o autor verá publicada a obra por Edicións Fervenza.

O xurado resalta a estimable participación nesta convocatoria, cunha vintena de orixinais, tanto relatos como novelas, de notable calidade, que achegaron diferentes visións do rural galego, a emigración e o mar, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente. A tarefa de xulgar recaeu nos profesores e escritores Carlos Loureiro, Xosé Manuel Lobato, Rosalía Morlán e Armando Requeixo, que outorgaron o premio, por unanimidade, ao texto presentado baixo o título Bica de Montouto, resultando da autoría de José Vázquez Peinó.

O xurado, que se reuniu no Pazo de San Roque (Santiago), destaca nesta novela "a forza telúrica dunha historia sobre o despoboamento rural e a desaparición dun mundo que esfarela e no que se moven uns personaxes cheas de matices que loitan pola supervivencia dos seus eidos e da memoria da vida que neles se garda". Ante a inminente desaparición da súa aldea, catro anciáns deciden unir forzas e crear unha pequena industria artesanal que, ao tempo que os une, consiga afincar a esperanza da supervivencia da aldea, tal como recolle a acta do xurado. "Fondamente lírica, chea desavicións de grande sensorialidade, esta novela é o canto meláncólico dun mundo que se vai pero que non se resiste a desaparecer sen nos ofrecer o máis fermoso canto de cisne antes de esvaecer", valora.

Comeza agora o proceso para dar forma ao libro que verá a luz en próximas datas, nas que tamén se realizará o acto de entrega do premio ao gañador. Nado en Lugo o 27 de outubro de 1960, José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó, realiza a súa vida laboral e cultural na Mariña Luguesa. Profesor no IES de Alfoz Valadouro, é autor das novelas Escombros, moitos escombros (2015), A fuxida (2018), da zarzuela O amor de Afonso Reimúndez, de máis de cen obras teatrais e de varias películas. Concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Xuventude de Alfoz entre 2011 e 2015, axudou a crear o Seminario de Estudos do Valadouro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia