Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A árbore das súas vidas

Os peregrinos converteron unha vella sobreira de San Miguel de Castro nun altar cheo de estampiñas, fotos e obxectos persoais

A sobreira ten unha oquedade no tronco. // XP

O Camiño de Santiago non só deixa pegada en quen o percorre, senón que a miudo se impregna tamén das historias dos propios peregrinos. Hai quen o atravesa sen que se note, ou sen facerse notar, e hai quen deixa rastro da súa presenza. ¡Vamos, coma na vida mesma! Unha das pegadas máis recurrentes e recoñecibles nas rutas xacobeas son as pedriñas que os transeúntes van amoreando en encrucilladas ou sobre elementos como os fitos que sinalan os propio trazado. Tamén se improvisan altares ou puntos de memoria, e este parece ser o caso dunha sobreira que hai pouco antes de San Miguel de Castro (A Estrada).

O vello exemplar alberga na oquedade do seu tronco fendido -quen sabe se por efecto dun raio- numerosas estampiñas, fotografías, adhesivos e obxectos persoais do máis variopinto. Esta especie de ara está coroada por unha pantalla de plástico, tal vez como protección da intemperie, e onte tiña na súa base un xarrón con flores aínda frescas. Ao mediodía unha veciña de Castro se achegaba co seu neto a plantar uns cartuchos detrás da árbore, malia a descoñecer, según confesión propia, a orixe destes rituais.

A sobreira converteuse nun atractivo máis da decimoterceira e penúltima etapa do Camiño de Inverno organizada a través da iniciativa promocional Deza: dous camiños, un destino. A andaina comezou ás nove da mañá na Praza da Igrexa de Silleda coa participación de máis de trinta persoas e finalizou para a maioría, logo de 24 quilómetros, en Outeiro (Vedra). Houbo quen, facendo gala de conciencia ecolóxica, aproveitou para ir recollendo basura.

Compartir el artículo

stats