Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escultura dun 'Santiaguiño' na igrexa de Soutolongo?

O templo non está situado en ningunha ruta de peregrinación

A cercana ubicación da igrexa de Soutolongo respecto do referido camiño, como en moitos otros casos, non se pode considerar como razón suficiente para establecer unha vinculación directa entre este enclave e a peregrinación a Santiago de Compostela, aínda que no templo existan figuras escultóricas evocadoras. No interior da igrexa de Soutolongo atópase unha pequena imaxe en pedra do Apóstol Santiago (un Santiaguiño), coa súa indumentaria de peregrino, na parte alta dun arcosolio, onde está a sepultura do conde do pazo de Des, e isto induce a pensar que hai unha conexión directa entre a igrexa de Soutolongo e o Camiño Portugués fusionado coa derivada "Vía da Prata" (desvío da Canda-Padornelo), pola que transitaron e transitan peregrinos a Compostela. Que pinta, entonces, unha escultura en altorrelevo do "apostol peregrino" dentro desta igrexa?. Se non hai relación directa, iso quere decir que alguén trouxo esta figura de otro lugar e encaixouna dentro do arcosolio. Esta é, precisamente, a hipótese que defendo neste artigo.

Para explicar esta nova forma de entender as razóns ou motivos dese feito, temos que contextualizar o caso. Debemos ter en conta que Francisco Gil Taboada (nacememto 1733 e morte 1809), un conde non primoxénito do poderoso pazo de Des, aos dezaséis anos ingresou na orde hospitalaria de Malta e foi nomeado comendador da igrexa-fortaleza de San Juan de Portomarín (Lugo). Nalgúns documentos aparece como comendador desta fortaleza hospitalaria, para atender aos peregrinos que viñan a Santiago polo "Camiño Francés", a partires do ano 1752, pero descoñecemos con exactitude cando e canto tempo estivo nese lugar. Entre 1793-1797 aparece novamente como comendador de "San Juan de Portomarín", aínda que nestes anos desempeñara o cargo de "Virrei de Perú", en Lima (1790-1796), algo que non resulta moi fácil de explicar.

Por outra parte, a finais do século XVIII, realizouse unha importante obra de reforma e ampliación da igrexa de Soutolongo, obras que se rematan en 1798 despois de construída unha nova fachada co seu correspondente campanario, un dos mellores da Comarca de Deza. O apoio económico dos señores do pazo de Des para a realización destas obras foi decisivo, segundo afirman os documentos existentes, depositados no Museo Diocesano de Lugo. A maiores destes documentos atopamos certas probas de caracter escultórico e arquitectónico, coñecidas polo vecindario e accesibles ao público en xeral. Unha destas probas é a porta de entrada a unha construción rústica da aldea de Des, ao lado da casa dos antecesores dos "Carballeses", que eran os intendentes ou lugartenentes do pazo no "mansus ou manso" (territorio dependente do poder dun señorío no que estaban instalados os colonos).

A cuestión é que se cambiou o deseño da nova fachada da igrexa e certas pezas da vella construción que se remodelaba, non tiñan encaixe nesta reforma e por iso se decidiu que as levaran, para reaproveitamentos e usos particulares, aqueles veciños que máis colaboraban nas obras do templo. O principal colaborador nas obras da igrexa era o conde de Des e niso tiña bastante que ver Francisco Gil Taboada, Virrei de Perú e comendador da orde de Malta no templo-fortaleza de "San Juan de Portomarín", por onde pasaba o "camiño Francés" de peregrinación a Santiago de Compostela. Así que varios sillares da vella fachada da igrexa e as figuras que alí había terminaron na porta dunha casa localizada pola parte de abaixo do "circundo" do pazo de Des, onde non tiñan encaixe, por moito que dito pazo se estaba a remodelar seguindo un estilo bastante máis modernista, como era o neoclásico.

Resulta sorpendente que na parroquia de Soutolongo se realizaran case simultaneamente, a finais do século XVIII, tres construcións nas que os condes do pazo de Des tiñan moito que ver de forma directa ou indirecta: a ampliación da igrexa parroquial, a gran reforma do pazo de Des e a construción dunha especie de celeiro ou tulla ao lado da vivenda do maiordomo do referido pazo de Des. Unha coincidencia planificada que tiña lugar nun momento histórico moi concreto, cando o herdeiro non primoxénito do grandioso Pazo de Des, Francisco Gil Taboada, ostentaba un enorme poder relixioso e político na España Imperial de Carlos IV, un rei case nefasto que entregou o mando do estado a "validos" para que, no seu lugar, dirixiran a economía e a política deste País en deriva. Esa situación de descontrol do estado imperial foi moi ben aproveitada polos subalternos e polos que estaban a fronte da administración das Indias (Hispanoamérica). Francisco Gil Taboada controlou grandes fortunas en Perú (Nova Granada) e parte delas contribuiron á gran ampliación e reforma do "pazo de Des", a súa casa paterna. A chegada de "plata" americana a Nosa Terra, traída por influintes "indianos" non é un feito excepcional, senon algo normal naqueles tempos de colonialismo.

A ampliación

Non sabemos cal foi a razón precisa pola que se procedeu a ampliación da igrexa de Soutolongo a finais do século XVIII e á construción dun gran campanario, pero temos constancia documental de que o señor do pazo de Viñoa, Antonio López, adiantou 1.800 reais de vellón para a obra e que Francisco Gil, virrei de Perú e dono do pazo de Des, donou 1.000 reais de vellón a "Nosa Señora", polo citado motivo. A maiores destas oportacións tamén puxeron fondos propios as "cofradías" e o vecindario. Daquela, no ano 1773, fundíranse, en Beariz (Ourense), as novas campás, das que quedaron moi descontentos na parroquia, segundo a información que aporta o arquivo parroquial ("tivemos que pagar 80 reais máis do previsto pero, por fin, quedamos libres dese pendango de campaneiro e as campás foron ben repagadas").

A ampliación da igrexa pola parte da fachada (lado Oeste), consistiu en alongar a nave e construir un campanario de novo estilo. Nos laterais da nave e cerca da porta de entrada principal dispuxéronse catro arcosolios, dous a cada lado, colocando nos dous acosolios do lado dereito as sepulturas de Don Alonso Gundín "El Viejo" e a súa dona Aldonza Alfonso de Boado, con esculturas xacentes, que estiveran ubicadas no coro da igrexa, ao lado Epistola (lado dereito).

Na parte alta de cada un destes arcosolios foron recolocadas dúas pequenas figuras escultóricas: a do "apostol peregrino" (santiaguiño) e a de San Pedro coas chaves do "Reino Celestial". Estas dúas imaxes en pedra, dun estilo artístico posiblemente gótico, non complementan o espazo no que se atopan, porque nada teñen que ver coas estatuas xacentes dos condes alí enterrados. A talla en cantería de San Pedro, a diferencia da talla do Apóstol Santiago, debeu estar policromada e esa circunstancia diferenciadora podemos considerala como unha sinal de que deben proceder de distintos lugares, incluso de lugares moi afastados de Soutolongo. Outra cuestión a ter en conta é que os responsables da obra, reforma da igrexa, quixeron facer o mesmo nos dous arcosolios, é decir, colocar unha imaxe en cada un deles e, para iso, nada mellor que poñer dous apostoles relevantes: San Pedro e Santiago, pero o enigma da orixe destas figuras non é fácil de desvelar.

Polo de agora unicamente é posible formular hipoteses variadas acerca da súa procedencia e mentres non se atopen referencias concretas no "libro de fábrica" da igrexa ou no de algunha das cofradías que se mantiveron activas ao longo de varios séculos, non será posible saber, con exactitude, de onde proceden estas dúas esculturas en altorelevo. Tampouco se ten atopado, polo de agora, ningunha outra figura de aspecto similar nesta igrexa e iso é unha razón máis para pensar que viñeron importadas de outros sitios. A orde hospitalaria de San Xoán de Xerusalém, logo denominada orde de Malta, era quen controlaba a igrexa de Soutolongo, que pertencía á encomenda de Beade (O Ribeiro, Ourense) e iso lévanos a pensar que as esculturas puideron chegar procedentes desde calquera outra igrexa que estivera baixo o dominio de referida orde.

A coincidencia de circunstancias ata incluso nos pode facer pensar que a orixe das esculturas de San Pedro e Santiago o Peregrino pode estar nalgunha igrexa do Camiño Francés da zona de Portomarín, cando Francisco Gil era comendador nesa localidade.

Compartir el artículo

stats