Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lalín: 52 (53) ou 48 parroquias?

Existen criterios en función dos eidos administrativo ou eclesiástico

Agás Espiñeira, 49 eran as parroquias lalinenses que formaban parte do arciprestado de Deza en 1755.

A páxina web do Concello de Lalín ( http://lalin.gal/acerca-de-lal%C3%ADn) recolle que "a poboación do Concello de Lalín é de 20.453 habitantes e está dividida entre o núcleo urbano, onde hai máis de 10.000 veciños, e as 52 parroquias do rural: Albarellos, Alemparte, Alperiz, Anseán, Anzo, Barcia, Bendoiro, Bermés, Botos, Busto, Cadrón, Camposancos, Cangas, Castro, Catasós, Cello, Cercio, Cristimil, Doade, Donramiro, Donsión, Erbo, Filgueira, Fontecabalos, Galegos, Goiás, Gresande, Lalín, Lalín de Arriba, Lebozán, Lodeiro, Losón, Maceira, Madriñán, Méixome, Moneixas, Muimenta, Noceda, Palio, Palmou, Parada, Prado, Rodís, Santiso, Sello, Soutolongo, Val do Carrio, Vilanova, Vilatuxe, Xaxán, Xesta e Zobra". Terían que ser 53, xa que nesta listaxe non aparece A Veiga. Pola contra si aparece delimitada no mapa que se atopa colgado no facebook municipal. Se acudimos ao BOO (Boletín Oficial del Obispado de Lugo de 1985, ano no que o Bispo Frei Xosé Gómez González levou a cabo unha reestruturación dos arciprestados da Diocese, e que é o que aínda ten vixencia nos arciprestados de Camba-Ventosa e Deza), enuméranse 48: con repecto á web do Concello, nesta fonte non teñen consideración de parroquia Alperiz, Erbo, Fontecabalos e Palio; e Lalín de Arriba está comprendida pola da Nosa Señora das Dores de Lalín. Se ás 53 lle restamos esas 5, quedan 48. Cómpre, polo tanto, botar un ollo á evolución histórica desta actual configuración e sacar conclusións.

En Galicia, as divisións parroquial e arciprestal tiveron moi poucas alteracións dende o ano 1587 ata datas recentes, a non ser nas derradeiras décadas co incremento da poboación urbana e a despoboación rural. Deste xeito, case todas as parroquias de Lalín formaron sempre parte do Arciprestado de Deza, Diocese de Lugo. A relación destas parroquias do Concello con esta Diocese remóntanse a finais do século VI e principios do VII, na que foi constituído o Condado de Deza. Xa no século XVII, as terras de Deza aparecen divididas en cotos e xurisdicións pertencentes ás provincias de Santiago e Lugo. Desta última formou parte a Xurisdición de Deza, que practicamente comprendía as terras das parroquias que hoxe forman parte do concello lalinense, ademais das parroquias de O Sisto e Sanguiñedo (que pasaron a Dozón), Toiriz e Asorei (que pasaron a Vila de Cruces), e Parada de Laro (que se integrou en Silleda). En 1833, esta xurisdición pasou a denominarse Concello de Lalín.

A demarcación arciprestal de Deza coñecémola dende 1645, época na que figuraban na Diocese un total de 39 arciprestados. Pero a primeira relación documentada sobre as parroquias que o formaban non a temos ata o ano 1755, sendo incluída no libro titulado Razón universal de todas las piezas eclesiásticas de este Obispado de Lugo, documento oficial cuxo contido foi provocado polo regalismo borbónico coa tramitación do Concordato de 1753 entre a España de Fernando VI e a Santa Sé de Bieito XIV. Segundo esta relación, son 50 as parroquias que formaban parte do Arciprestado de Deza, das que 49 pertencen ao Concello de Lalín (a número 50 é San Pedro de Espiñeira, que é do Irixo), que serían 51 se aparecera reflexada a de Alemparte, daquela formando parte do arciprestado de Camba; e Rodís, que non aparece na lista.

BOP de 1836

Neste boletín faise referencia aos concellos constitucionais do Partido Xudicial de Lalín, citando o nome das parroquias de cada concello e o número de veciños que as compoñen. No que atinxe ao de Lalín, este comprendía 51 parroquias. Das 48 actuais (segundo o BOO), só aparecen referidas 47: non aparece Palio, Alperiz, Fontecabalos e Erbo. Tamén cómpre salientar que as actuais parroquias de Lalín e Xaxán, salvando as variacións xeográficas que sufriron, eran coñecidas como Lalín de Arriba e A Pena.

Arranxo parroquial de 1891

Sobre as parroquias que compoñían o Arciprestado de Deza non volvemos a ter noticia ata o 1891. Nese ano produciuse o Arranxo Parroquial decretado polo Bispo Aguirre e previsto polo Concordato de 1851 entre a Raíña Isabel II e o Papa Pío IX. No Arranxo foron suprimidos dous curatos, Donramiro e Rodís, que pasaron a ser anexos de Lalín e Cangas respectivamente. Foron eliminadas catro igrexas como entidade canónica (deixaron de considerarse como parroquias a nivel eclesiástico): Alperiz, Erbo, Lalín de Arriba e A Pena. Creouse un novo curato, o actual Lalín, que xunto a Xaxán e A Veiga, deron lugar a tres novas igrexas (parroquias).

Resumindo, das 49 parroquias lalinenses que había no 1755 no Arciprestado de Deza (sen incluír Alemparte nin Rodís), neste arranxo desapareceron como entidades canónicas Alperiz (que pasou a Parada) e Erbo (que foi asumida por Sello). Se a estas dúas lles sumamos Palio e Fontecabalos, que non aparecen en dito arranxo e que posiblemente foran suprimidas como parroquias eclesiásticas antes de 1891, incorporándose ás parroquias de Rodís e Sello respectivamente, temos un total de 45. Dentro desas 45, Lalín de Arriba e A Pena deixaron de ser parroquias en favor das recentemente creadas Lalín e Xaxán. A número 46 sería Rodís (que non fora incluída na relación de 1755); a 47 sería a de Alemparte (incluída no 1755 no Arciprestado de Camba), e a 48 a de A Veiga (creada no Arranxo de 1891). A partir de aquí, que cada un se decante polo número de parroquias que máis lle conveña: 52, segundo a web do Concello; 53, ollando o mapa parroquial municipal; ou 48, se atendemos a entidades canónicas.

O caso da Veiga

De entre as 48 parroquias eclesiásticas, a única que foi creada totalmente nova é a de A Veiga (Xaxán e Lalín erguéronse sobre dúas xa existentes, aínda que mudando a súa denominación e o seu territorio). San Ramón da Veiga, dende o xa comentado Arranxo de 1891, foi constituída como parroquia aglutinando as aldeas de A Ponte e A Veiga (que ata daquela formaban parte de Goiás), e a de Carballeda (que era de Muimenta). No Diccionario de Madoz de 1847, aparecen referenciados os lugares que compoñían a parroquia de Goiás: Beilás, Casares, Casasnovas, Cázome, Cotarelo, Delaparte, A Igrexa, Palmaz, Pareizo, A Ponte, Os Porcallos, A Reboira, O Toxo e A Veiga.

Segundo o Nomenclator de España de 1867, a parroquia de Goiás estaba formada daquela polas aldeas de Beilás, Os Porcallos e O Santón; polos lugares de Casares, Casasnovas, Cazome, Cotarelo, A Igrexa, Palmaz, Pareizo e A Veiga; polos caseríos de A Ponte, A Reboira e O Toxo; polos muíños da Xesteira e Mamó; pola ermita de San Ramón (actual igrexa de A Veiga), e pola igrexa parroquial de San Miguel. De igual modo, a parroquia de Muimenta estaba composta polos lugares de Carballeda, Meixomín e Moimenta.

Previamente a este arranxo de 1891, o interrogatorio do Catastro de Ensenada (15 de xaneiro de 1753) xa delimitaba, por Norte e Levante, a extensión da parroquia de San Miguel de Goiás por terras que hoxe forman parte da actual parroquia da Veiga. Goiás encadrábase na xurisdición de Deza e, daquela, na provincia de Lugo, quedando fixados os seus lindes tal como se describe a continuación: ? dicha felegresía tendrá de distancia de L. a P. una legua, y del N. al S. otra, y de circunferencia cuatro legua que para caminarlas se ocuparán seis horas. Linda principiando por el L. en el Puerto de Bales, de aquí a Mamoa Furada, Espiño de Lama Podre, Mamoa de Nogallaos, y Pena de Cabalo, por el NORTE con el marco Avieiro y pena de el Corvo, y Puerto Luxoso, por el P. en la mamoa de el Toxo, coto de Piedras Rubias, y al de Ventosela, por el S. linda en el Puerto do Río, Riego de Olleiro, Penedo de Maá, marco Pion y sigue al Puerto de Vales, que es la primera demarcación. Linda por el L. con la feligresía de San Julián de Pedrosa, por el P. con la de Santa María de Filgueira, por N. con la de Santiago de Sello, y por S. con la feligresía de San Cristóbal da Pena su figura es ladel margen y responden (pregunta terceira do intgerrogatorio do Catastro de Ensenada).

Compartir el artículo

stats