Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel López Fernández: "Os idiomas e as TIC son elementos que todos buscamos perfeccionar"

"Tratas de animar á xente á saír desta porque algunha atravesa tragos duros"

Xosé Manuel López no despacho da súa casa.

O tempo parece que pasa máis amodo neste mes de confinamento debido á crisis sanitaria. Para combater ao Covid-19 é moi necesario permanecer na casa e entre catro paredes, xorden distintas iniciativas para pasar mellor as horas. O profesor Xosé Manuel López Fernández decidiu poñer en marcha unha classroom para contribuír a que os días sexan máis amenos e tamén para servirlles de axuda para aqueles que desexen afondar na lingua inglesa. El é o xefe de estudos da quenda de nocturno no instituto Laxeiro, de Lalín, e este ano académico imparte docencia no segundo curso de Bacharelato de diúrno e tamén no de nocturno.

-Como xurdiu a idea de poñer en marcha unha classroom ?

-Unha combinación de tres aspectos: hai que buscar cousas que facer cando non se pode saír da casa para case nada durante días; un xeito de probar cousas novas con esta ferramenta que xa utilizaba algo co meu alumnado no instituto, pero que nunca tivera necesidade de facer e tamén, por que non? Axudar a pasar o rato con algo que domino a quen o desexara.

-Como está sendo a acollida?

-Pois apuntouse de momento unha ducia de persoas.

-E quen son os seus alumnos 'virtuais'?

-Hai un pouco de todo, incluso exalumnos do IES que non deberon quedar fartos das miñas clases, por Deus! (risas).

-Que hai que facer para poder participar nela e cando a imparte?

-Para participar neste tipo de plataformas cun móbil é abondo. Isto non ten necesariamente horarios nin por suposto, é obrigatorio facer todo o que vou colgando. Hai xente que se apunta á clase e hai xente que fai cousas soltas que publico no meu perfil de Facebook . Pode funcionar, e así é a miña idea, coma unha especie de self-service, onde cada un fai o que lle apetece. De todos modos, procurarei colgar cousas que teñan un fío condutor e actividades de todo tipo e destrezas. Sen embargo, as que seguro máis van a gustar son os test autocorrexíbeis, que os fas en pouco tempo e recibes un resultado inmediato e que por certo, son os que menos traballo me dan.

-Tendo tanto tempo libre, a xente está voltando a retomar actividades que tiña pendente. Inglés é unha materia pendente para moitos?

-Iso é algo que non podo dicir. Evidentemente, fáltanme datos para afirmar algo así, pero o que si digo é que os idiomas semellan ser, xunto coas TICS, elementos que todos buscamos perfeccionar para estar ao día, cousa cada vez máis difícil pola cantidade de información accesíbel que existe.

-Como prepara estas clases e en que se diferencian das presenciais, que vostede imparte no instituto?

-Hai unhas cuestións técnicas que hai que dominar, pero iso é moi asequíbel porque classroom pode ter outras eivas, pero a da complexidade non é unha. Pódense facer cousas moi interesantes, moi variadas, pero a principal diferenza estriba na inmediatez. Os profesores estamos moi acostumados a falar e interactuar cara a cara, a explicar, a matizar, a exemplificar, a darlle unha volta ou dúas, a corrixir no acto e iso aquí é moito máis difícil porque a interacción é máis diferida e moito máis ríxida. Isto pode ter moitas vantaxes, pero esa virtualidade do cara a cara e do acompañamento dos iguais pérdese.

-Supoño que tamén hai tarefas para facer despois.

-Isto non deixa de ser un pasatempo tanto para min como para eles. Polo tanto, non é pertinente por 'deberes'. Eu simplemente suxestiono materiais e cousas por se logo a alguén lle apetece afondar, pero imaxino que fóra desta situación quen realmente teña intención de estudar e mellorar o seu dominio da lingua inglesa se apuntará a unha academia máis formal ou nunha EOI. Porque isto non deixa de ser un pasatempo. Nada con intención de durar.

-Como está percibindo os ánimos do seu alumnado?

-Creo que hai algo de todo. Sei xente que está atravesando tragos duros, de todo tipo e dáme mágoa. Tratas de animar á xente a saír desta, é o único que importa agora.

-Vostede imparte clases en 2º de Bacharelato. Como cre que afectará ás probas da ABAU este ano?

-Si, eu imparto clase en segundo de Bacharelato, que, para ben ou para mal, é un curso orientado a preparase para aprobar a ABAU coa mellor nota posíbel para ter a posibilidade de cursar os estudos superiores que máis lle gusten ou conveñan a cada rapaz e estamos nunha situación na que realmente ninguén sabe moi ben como se van resolver as cousas.

-Como cre que aos mozos lles acabará pasando factura este mes xa de confinamento sen poder asistir ás clases?

-Iso pode pasar factura, porque é unha situación inédita e pode decaer quen menos pensas e ao viceversa. A nivel xeral, como en calquera outro sector non sabemos cal vai ser o panorama que teñamos que afrontar cando vaiamos recuperando paulatinamente a normalidade. E o tipo de normalidade que imos a recuperar. Porque os centros educativos están feitos para unha situación que non sabemos se poderemos manter a partir de agora, en termos de seguridade para as persoas. Noutro tipo de cuestións, as referidas ao currículo veremos cales son as directrices que recibimos porque estase a falar de varias opcións.

-Cambiaría algo das probas da Selectividade nesta convocatoria debido á situación que se está vivindo?

-Eu considero que non debemos avanzar na materia, novos contidos e competencias porque queiramos ou non todo o noso alumnado dispón dos mesmos medios tecnolóxicos nin doutro tipo para seguir avanzando. Non sei o que nos dirán que debemos facer, pero espero que os novos contidos esperen ata o ano que vén. E iso supón ter que recuperar tempo perdido. E iso leva a un estrés adicional. Veremos o que vai sucedendo, aínda que probabelmente as expectativas que tiñamos antes de cerrar os centros non poidan ser as que teñamos cando volvamos. Eu son dos que creo que nada vai volver ser igual.

-Bota de menos volver ás aulas?

-Boto de menos moitas cousas. Iso de que non sabías o feliz que eras ata que... Ir ao instituto e dar clase implica moitas cousas, moitas moi agradábeis e moi gratificantes. Somos moitos, somos compañeiros, levámonos ben, cos nenos e cos compañeiros e bótoos moito de menos. Algúns máis que outros claro (risas)... E quero volver porque é parte importante do que creo que son. Son profesor e gústame selo.

Compartir el artículo

stats