As voces dos mozos dos tres institutos públicos de Secundaria da Estrada -o IES Número 1, o IES Manuel García Barros e o IES Plurilingüe Losada Diéguez- fundíronse nunha soa onte para conmemorar o Día de Rosalía. Por terceiro ano consecutivo, facíano xuntos, da man dos seus respectivos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (que actuaron como promotores e coordinadores), contando coa colaboración dos Departamentos de Música e de Lingua Galega dos tres centros.

Integrada dentro da programación anual dos Equipos de dinamización da Lingua Galega dos centros educativos da Estrada -Dinamizaestrada- esta iniciativa consistiu nun acto poético e musical na honra da escritora por excelencia representante das letras galegas.

Despois de que o ano pasado o encontro tivera lugar no IES Número 1, onte foron as instalacións do Manuel García Barros os que acolleron a posta en escea das diversas propostas preparadas polos tres centros educativos. Polo escenario foron desfilando alumnos dos tres institutos, interpretando diversos poemas da autora homenaxeada, combinando o recitado con diferentes propostas musicais.

Foi o alumnado de Música do García Barros o que rompeu o xeo, cunha introdución musical. Logo, o presentador do acto lembrou que a figura de Rosalía é inesquecible e cumpre 183 anos. A súa palabra espallouse en forma de diferentes músicas por todo o mundo. Foi así como se foron introducindo as distintas actuacións poéticas e musicais programadas.

Por parte do IES Antón Losada Diéguez, dous alumnos recitaron os coñecidos poemas rosalianos "Prá Habana" (adicado á emigración) e "Nacín cando as prantas nacen". Logo, alumnos do IES Número 1 interpretaron ao seu xeito unha orixinal versión do poema "Castellanos de Castilla", inspirado na creación da cantautora galega MJ Pére (Peza Malaxente), baseada á súa vez na melodía da cantante Rosalía (a peza Malamente". A continuación, alumnado do centro anfitrión interpretou dúas orixinais versións dos poemas "Negra Sombra" e "Adiós ríos...", que destacaron pola súa beleza.

O obxectivo desta actividade conxunta é salientar o papel que a obra de Rosalía de Castro tivo e segue a ter á hora de dignificar e promover o uso do galego. Á par, con esta iniciativa conxunta, actualízase a súa transmisión de formas distintas de comunicación e poténciase a realización de actividades de xeito colaborativo.