Redrum Teatro está xa a ensaiar o que será o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila, que se estreará en Santiago os días 16 e 17 de abril e chegará a Lalín o 15 de maio.Dirixida polo lalinense Álex Sampayo, a montaxe converterase na primeira adaptación ao galego do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga, quen, a a través desta mordaz obra, nos presenta unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve.

Nese difuso límite entre ficción e realidade móvese O mozo da última fila, peza que xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán á escea Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto.

Este equipo artístico, ao que toca sumarlle a Davide González no espazo sonoro, María Illobre na caracterización e Jose M. Faro Coti na escenografía, atópase ensaiando nunha residencia artística de tres semanas no Auditorio do Concello de Rianxo de cara á súa estrea, en pouco máis dun mes, no Teatro Principal de Santiago. Tras estas dúas funcións, das que xa se poden mercar as entradas en www.compostelacultura.gal, O mozo da última fila continuará a súa xira no Pazo da Cultura de Narón o 25 de abril e no Salón Teatro de Lalín o 15 de maio. Ademais de dispor da colaboración do Concello de Rianxo, Redrum conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das liñas de axuda á creación escénica.

Premiada e levada ao cine

Juan Mayorga, membro da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, tamén afonda coa súa obra noutra serie de aspectos, como o mundo educativo, a alienación cultural ou a clase media. A peza foi galardoada co Premio Max, leva 26 adaptacións en todo mundo e foi levada ao cine por François Ozon na fita gala Dans la maison, gañadora da Concha de Ouro do Festival de Donostia en 2012.