Hoxe cúmprense 211 anos daquel 9 de marzo do 1809 no que 2.000 persoas, a súa maioría campesiños, lograron conter en Ponte Ledesma e en Cira o avance das tropas francesas no seu afán por chegar ao sur galego e a Portugal. Na entrada da ponte que une Ledesma e Gres hai un monolito que lembra cómo os veciños das dúas beiras do Ulla venceron ao que era entón o mellor exército do mundo, tras gañarlle ao de Prusia en Jena tres anos antes.

Pero para facer memoria, ademais deste monolito hai visitas teatralizadas, dende hai dous anos e co actor e guía turístico Suso Martínez como narrador. Onte volveu caracterizar a Benito de Martínez, o comandante que xunto ao seu irmán Gregorio organizou a resistencia civil que, iso si, non puido impedir que finalmente o 19 de marzo os franceses cruzasen o río.

Hai dous anos, a única personaxe era Benito de Martínez. En 2019, o relato histórico da batalla incluiu un duelo de esgrima. Onte, cinco veciñas deron voz e corpo a eses 2.000 paisanos que loitaron pola pervivencia da monarquía española frente ao avance de Napoleón. Armadas con sachas, fouciños e forcadas, foron quen de parar ao soldado francés do Rexemento Chasseur 48 da II División do II Corpo do Exército Galo. Encarnado por Manu Sánchez, o soldado galo leu un edicto, do lado de Boqueixón, no que recomendaba á poboación que deixase avanzar aos soldados. Pero nestas apareceu o cura de Grava, Alonso Valladares (encarnado por Pedro Brandariz), quen animaba ao pobo a alzarse en armas para impedir que os franceses "violen ás vosas mulleres e fagan cocido cos vosos fillos". Aldeanos e párroco en varias ocasións corearon consignas como Viva Fernándo VII, morra Napoleón ou Viva Galicia. Alonso Valladares foi unha das víctimas mortais durante os enfrontamentos cos franceses. Nas Insuas de Gres tamén se escenificou este episodio, no que as aldeanas lles imploran aos franceses, en balde, que non asasinen ao párroco.

Esta visita dramatizada ten o seu xermolo no traballo do colectivo Amigos da Ponte de Ponte Ledesma, e na actualidade conta coa colaboración dos concellos de Boqueixón e Vila de Cruces. Para quen non puidera asistir onte, haberá outra recreación o vindeiro domingo, día 15, ás 12.30 horas. A citada asociación ten conseguido outros logros, como a limpeza da pasarela en 2016 da man da Consellería de Cultura, a edición dun libro coa historia da pasarela e a sinalización dunha ruta de senderimos por outros enclaves imprescindibles na loita contra Napoleón, como o Campo do Francés, onde houbera unha escaramuza o 6 de marzo.