Sonche unha xente moi viaxeira e iso é algo que levan acreditando desde que se coñecen. O silledense Xosé Filloi González e a súa muller, a redondelá Estefanía Fernández Míguez, están recén chegados a Trasdeza despois de vivir durante trece anos fóra: primeiro en Barcelona e máis recentemente en Auckland, a cidade máis grande de Nova Celandia. Teñen dúas fillas, Neve e Tui -como a vila galega pero tamén coma o nome maorí dun paxaro da terra onde naceu-, que, coma eles, dispoñen da dobre nacionalidade concedida oficialmente.

-Como xorde o de irse a vivir a Barcelona?

- Estefanía: Foi un pouco cabezonería miña. Estaba na miña empresa, solicitei un incremento salarial, dixéronme que non procedía, fun a Barcelona a unha entrevista de traballo e xa me colleron. E ao mes apareceu Xosé. Ao ano seguinte foi cando casamos.

- Xosé: Eu estaba traballando na tele e pedín os días correspondentes para poder marchar.

-Mereceu a pena vivir en Cataluña?

- E.: Temos unha filla catalana. Con respecto ao idioma, teño que dicir que botei seis anos alí traballando para tres empresas diferentes sempre de cara ao público e xamais me esixiron falar catalán. Eu nunca tiven a opción de poder aprendelo e sabíame mal intentar chapurrealo, pero si que sempre o escotei. Falo italiano, entón sacaba moitas palabras do italiano e sabíame moi mal cando un cliente cambiaba ao español cando tiña que falar conmigo, porque o entendía.

- X: Nós só temos palabras bonitas para Barcelona, para Cataluña e para os cataláns. Eu cheguei a Cataluña un venres e o luns pola tarde xa estaba aprendendo catalán. Era algo que tiña claro. O certo é que non me esperaba que me fora necesario, pero ao final abriume portas, porque traballei para a Deputación de Barcelona. Xente maior chegoume a preguntar que de que parte era de Cataluña polo acento, que é o mellor que che poden dicir.

-E se estaban tan a gusto en Barcelona, por que irse tan lonxe como a Nova Celandia?

- X: Eu sempre tiven unha especial obsesión con Nova Celandia. Medio en broma e medio en serio, organizamos a lúa de mel para visitar o país, e iso o único que fixo foi confirmar as espectativas. Eu quedei sen traballo e Fani tampouco estaba nada ben, e marchamos coa nosa primera filla. Tivemos a sorte de ter aforros que nos permitiron contratar uns asesores que nos axudaron moito.

- E.: Chegar alá foi dificilísimo. Eu os primeiros meses borraríaos da memoria. Estiven en entrevistas de traballo nas que non sabía o que me estaban preguntando. O que a nós nos animou foi saber que no meu sector había moita oferta laboral e practicamente cada semana tiña entrevistas de traballo estando na mesma Auckland.

-Como foi a educación de dúas fillas en tantos sitios distintos?

- E.: Neve botou exactamente nove meses nos que non quería xogar nos parques. Un día estando nun parque eu fixen como que estaba traballando nunha libreta e díxenlle que buscara nenos para xogar. Vina falar cos nenos e coa nai dos nenos e xa pensei que o do inglés estaba solucionado. Ata entón era moi reticente.

- X.: Nós sempre fixemos na casa un trilingüismo harmónico. Eu a Neve faláballe en galego, Fani e máis eu falamos en galego entre nós, Fani faláballe en español a Neve e Neve respondíanos a todo en inglés. E funciona realmente.

-Nova Zelandia é un bo sitio para facer un proxecto de vida?

- E.: Nova Celandia non é o que se nos vende. Nin é tan ecoloxista, nin é tan verde, nin tampouco é tan tolerante porque tamén hai racismo. Especialmente en Auckland podes atopar xente de todo o mundo porque é una cidade de acollida. Eu destacaría o bo ambiente no traballo e cando vas levar a nena ao cole que todo o mundo che fala. Para eles os valores non son comprar cousas caras, porque teñen cartos, senón ter experiencias e darlle experiencias aos fillos.

- X.: Digamos que non é tanto como se nos vende, pero si que é. Ninguén se vai rir do teu acento, ao contrario, incluso é unha axuda porque non te corrixen. É evidente que paisaxisticamente é moi bonito, pero o que nos conquistou a nós de Nova Celandia foi a xente, e esa falta de tontería que dicimos nós.

-Puideron ir ver aos míticos All Blacks xogando na súa terra natal?

- X.: Só a un. Foi un partidazo contra Sudáfrica. Teñen unha liga provincial de rugby moi boa e o ano pasado fomos ver a final porque Auckland levaba anos sen xogala. Xogaron as semifinais e a final na casa e ganaron. De feito había un ambientazo no estadio. Alí o rugby é outra historia. Nós viviamos cerca do Camp Nou en Barcelona e sabiamos o que era un partido importante. Fomos dúas horas antes do partido entre os All Blacks e Sudáfrica e chegamos alí e parecía un martes pola mañá. As gradas estaban abertas pero alí ninguén aproveita para colarse.

- E. : Ao estadio do Eden Park fomos varias veces porque na última empresa na que traballei o meu xefe tiña unha grada que era toda da empresa e regalábanos as entradas. Son tan legais que che da rabia aproveitarte porque non se van enterar. É curioso o rápido que nos adaptamos a esa maneira de ser que teñen eles porque acabas perdendo a picaresca.

-Que foi o que lles decidiu volver a casa despois de sete anos?

- X.: Temos que recoñecer que cando marchamos non tiñamos necesidade de facelo. Foi bastante egoísta pola nosa parte deixar á familia aquí, pero pensamos que era o mellor para nós e sobre todo para Neve. Agora, cando naceu a segunda nena, Tui, parecéunos inxusto e decidimos que estivo ben e que era o momento. Ademais, tiñamos un proxecto en mente que queriamos levar a cabo tamén. Vai ser unha pequena tenda de produto ecolóxico en Silleda, que nos fai moita ilusión.

- E.: Eu dexei alá un negocio de importación de luffas orgánicas de Caldas e agora estou mirando se é viable seguir con el. Polo visto, non é compatible coa Facenda española e probablemente teña que acabar vendendo. Facíame ilusión seguir levándolo dende aquí, pero legalmente non é compatible.

-Como fixeron para obter a dobre nacionalidade?

- X.: Nós temos unha filla kiwi e nós somos kiwis. Unha delas naceu alá e houbo que solicitarlle a española. Eu digo sempre que Galicia é a miña terra, Barcelona a miña cidade e Nova Celandia o meu país. A espiñiña que nos quedou foi vivir noutra parte de Nova Celandia.

- E.: Concedéronnos a cidadanía en xuño do ano pasado e simplemente estabamos agardando pola cerimonia e os papeis para poder vir. Por certo, foi unha cerimonia preciosa nun pabellón e moi emotiva. O que está claro é que voltaremos alá, aínda que sexa para que o vexan as nenas, porque sempre vai ser o noso país. Que conste que eu levo percorridos máis países ca Xosé (risas).