Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novas descubertas en Quireza

O colectivo Capitán Gosende descobre un petróglifo e unha mámoa en Vilarchán e dúas mámoas na necrópole do Castriño (Quireza)

Petróglifo de Vilarchán II (Quireza-Cerdedo).

O domingo 16 de febreiro, coa poalla ao lombo, membros do colectivo Capitán Gosende deslocámonos até a aldea de Vilarchán (parroquia de Quireza) co obxectivo de avaliar o estado de conservación da mámoa selleira catalogada por Patrimonio en 2001 (denominación: "Mámoa 1": GA36011033) e mais xeorreferenciar con exactitude a súa localización. As coordenadas certas do megálito son as seguintes: X: 545.365; Y: 4.710.610. O túmulo sitúase por riba dos 400 metros de altitude, a uns 35 metros do deslinde das parroquias de Quireza e Castro, ao pé dunha devasa e perto (cara ao sur) dun antigo campo de fútbol. A mámoa atinxe, na actualidade, os 12 metros de diámetro. O buraco de espoliación acada os 2 metros de diámetro. Xacemento gravemente alterado pola actividade agrícola e forestal. Cuberta de toxo, un piñeiro medra enriba da coiraza do xacemento.

A nosa exploración polas inmediacións permitiu a descuberta doutro túmulo espoliado duns 15 metros de diámetro e uns 2 de foca de violación. Denominamos o xacemento: "Mámoa 2 de Vilarchán". A Mámoa 2 de Vilarchán (coordenadas.- X: 545.274; Y: 4.710.468), inédita, localízase no seo dun piñeiral, por riba dos 400 metros de altitude, a uns 170, cara ao sudoeste, da Mámoa 1, e a uns 40 metros, ao noroeste, da estrema interparroquial. Nesas coordenadas, o mapa sombreado do visor mapas.xunta.gal corrobora o achado.

Xa de volta, a medio camiño entre as mámoas, na parte superior dun petote granítico, advertimos un gravado rupestre. O petróglifo componse dun conxunto de 15 coviñas de pouca profundidade, cuxos diámetros varian dos 5 aos 2 cm. A pedra é de gran groso e presenta, coma as laxas e penoucos dos arredores, un alto grao de erosión. A parte superior e visíbel do penedo supera os 20 m2 de supeficie. Denominamos a descuberta: "petróglifo de Vilarchán II" (coordenadas.- X: 545.347; Y: 4.710.518; alt. 412 m). Consonte as coordenadas e o visor de mapas.xunta.gal, a inscultura situaríase a uns 8 metros cara ao oeste do deslindamento entre as parroquias de Quireza e Castro. Así mesmo, a estación petroglifíca cadra nunha devasa aberta baixo un tendido eléctrico de media tensión. Constatamos que naquela franxa, había pouco que se desenvolveran labores de roza con maquinaria pesada; as pedras evidenciaban o efecto das cadeas de corta. Deus teña conta do petróglifo. Chamounos a atención a distribución das concavidades no panel e, especialmente, o arco de coviñas exterior, que nos volve lembrar o deseño do petróglifo do monte Porrido (Cuíña-Quireza) e o petróglifo do Outeiro da Pena IV (Sabucedo).

A seguir, trasladámonos até o sitio arqueolóxico do Castriño, situado a pouco máis dun quilómetro, cara ao noroeste, da necrópole de Vilarchán, entre as aldeas de Mamoalba e Fondós (tamén, na parroquia de Quireza), para avaliarmos o estado de conservación dos cinco xacementos catalogados da dita necrópole megalítica. A tradición oral dálles o nome de "minas" aos túmulos do Castriño e vencéllaos con supostos filóns auríferos explotados polos mouros antes da súa súbita fuxida. O microtopónimo "Castriño" non indica neste caso a existencia no lugar de vestixios habitacionais da Idade do Ferro. O Castriño, entre Mamoalba e Fondós, nomea un planalto que supera os 380 m de altitude, cinguido polos regueiros dos Acivos-Faroxo (oeste e norte) e Recovos (leste), afluentes do río de Quireza. Dende o coto gózase, cara ao leste, dunha boa panorámica. No cimo do outarelo aflora unha laxa granítica que serve de soporte a un gravado rupestre. O petróglifo do Castriño (13 cruciformes-antropomorfos e 11 coviñas) foi descuberto polo colectivo Capitán Gosende o 27 de outubro de 2019. As "minas" do Castriño semella estaren dispostas arredor deste cotarelo. Na fotografía do "Voo Americano" (1956-7) apréciase un camiño (con diversas variantes) que, dende Mamoalba a Fondós, atravesaba o Castriño arrodeando a cemba polo norte. Denominarémolo "camiño de baixo". Na actualidade, as sucesivas repoboacións levadas a cabo naquel predio fixeron case imperceptíbel o trazado deste antigo vieiro.

O túmulo consignado en Patrimonio como "Mámoa 1" (GA36011014.- X: 545.083; Y: 4.711.621; alt. 395 m) atinxe os 15 m de diámetro e presenta unha foca de espoliación duns 2'50 m de diámetro. Localízase xusto á beira esquerda do camiño que, na actualidade, dende a aldea da Mamoalba conduce á aldea de Fondós. Denominarémolo "camiño de riba". A medorra áchase no medio dunha repoboación de piñeiros, efectuada a comezos da década de 2000. Os labores forestais non respectaron as debidas cautelas. No cono tumulario son visíbeis os cachotes do acoirazamento. O xacemento foi catalogado en 2001. Segundo consta no informe de Patrimonio: Xacemento gravemente alterado por mor da actividade agrícola e forestal. Acháronse fragmentos de cerámica de tradición campaniforme. O actual plantío de piñeiros levouse a cabo con posterioridade á visita dos arqueólogos de Patrimonio. A Mámoa 1 localízase a uns 175 m, cara ao oeste, da estación petroglífica do Castriño.

O túmulo consignado en Patrimonio como "Mámoa 2" (GA36011015.- X: 545.116; Y: 4.711.638; alt. 397 m) acada os 20 m de diámetro e presenta unha foca de espoliación duns 4'50 m de diámetro. Localízase a uns 20 m á dereita do camiño de riba. A medorra áchase no medio dunha repoboación de eucaliptos, efectuada a comezos da década de 2000. Os labores forestais non respectaron as debidas cautelas. O xacemento foi catalogado en 2001. Segundo consta no informe de Patrimonio: Xacemento gravemente alterado por mor da actividade agrícola e forestal. Localizouse un posíbel muíño navicular. O actual plantío de eucaliptos levouse a cabo con posterioridade á visita dos arqueólogos de Patrimonio. A Mámoa 2 localízase a uns 140 m, cara ao oeste, da estación petroglífica do Castriño.

O túmulo consignado en Patrimonio como "Mámoa 3" (GA36011016.- X: 545.161; Y: 4.711.739; alt. 389 m) acada os 15 m de diámetro e presenta unha foca de espoliación duns 3'50 m de diámetro. Localízase a uns 15 m á dereita do camiño de riba. A medorra áchase no medio dunha repoboación de piñeiros, efectuada a comezos da década de 2000. Os labores forestais non respectaron as debidas cautelas. Un piñeiro medrou no centro do buraco de espoliación, sendo cortado recentemente. O xacemento foi catalogado en 2001. Segundo consta no informe de Patrimonio: Xacemento gravemente alterado por mor da actividade agrícola e forestal. O actual plantío de piñeiros levouse a cabo con posterioridade á visita dos arqueólogos de Patrimonio. A Mámoa 3 localízase a uns 130 m, cara ao noroeste, da estación petroglífica do Castriño.

O túmulo consignado en Patrimonio como "Mámoa 4" (GA36011017.- X: 545.450; Y: 4.711.878; alt. 350 m) localízase no seo dun eucaliptar, a uns 390 m, cara ao sueste, da aldea de Fondós, e á dereita do camiño Mamoalba-Fondós actualmente en servizo (o camiño de riba). O túmulo posúe uns 20 m de diámetro e a súa foca de violación acada os 4 m. O xacemento foi catalogado en 2001. A mámoa foi gravemente alterada por mor da actividade agrícola e forestal: os eucaliptos medran hoxe enriba da coiraza.

O túmulo consignado en Patrimonio como "Mámoa 5" (GA36011018.- X: 545.476; Y: 4.711.653; alt. 359 m) localízase no seo dunha carballeira, á beira dereita do antigo camiño Mamoalba-Fondós ou camiño de baixo (Véxase a fotografía do "Voo Americano 1956-7"). A mámoa posúe uns 22 m de diámetro. A foca de espoliación acada os 5 m de diámetro. Un valo de cachote atravesa por riba da coiraza na dirección leste-oeste. O xacemento foi catalogado en 2001. O túmulo foi gravemente alterado por mor da actividade agrícola e forestal: as árbores medran enriba da coiraza. A Mámoa 5 localízase a uns 40 m ao norte do regueiro dos Recovos e a uns 220 m, cara ao leste, da estación petroglífica do Castriño.

Mentres desenvolviamos as tarefas de localización, exame e medición das mámoas 1, 2 e 3, batemos con outros dous túmulos (afirmámolo, mais con todas as reservas).

A que nós denominamos "Mámoa 6" (coordenadas.- X: 545.205; Y: 4.711.718; alt. 383 m) posúe un diámetro duns 12 m. O suposto túmulo 6, apenas perceptíbel, presenta un mal estado de conservación. Os sucesivos labores de corta e repoboación espallaron a cachotaría da coiraza e achandaron o moimento, mais a foca de espoliación (duns 2'50 m de diámetro) é evidente. O suposto xacemento neolítico localízase á esquerda do antigo camiño Mamoalba-Fondósou camiño baixo (Véxase a fotografía do "Voo Americano 1956-7") e a uns 90 m, cara ao noroeste, da estación petroglífica do Castriño.

A que nós denominamos "Mámoa 7" (coordenadas.- X: 545.260; Y: 4.711.721; alt. 383 m) presenta un diámetro duns 12 m e cremos que non foi espoliada, pois, das inventariadas na zona, é a única que, polo aspecto, corrobora a etimoloxía da metáfora (diminutivo do latín mamma: m amula, mamola "tetiña"). A mámoa 7 localízase a uns 75 m, cara ao norte, da estación petroglífica do Castriño. Na fotografía do "Voo Americano" (1956-7), o suposto xacemento neolítico localizaríase na intersección do antigo camiño Mamoalba-Fondós (ou camiño de baixo) e de dúas das súas variantes, polo que a aba da coiraza puido ver diminuído de xeito significativo o seu perímetro.

Dúas mámoas e dous petróglifos en Vilarchán, sete mámoas e un petróglifo no Castriño... canta arqueoloxía xunta para tanto político disperso!

Compartir el artículo

stats