24 de febrero de 2020
24.02.2020
Entroido 2020

Toxos e fariña contra os aburridos

- Dezasete cacharelos impoñen a súa lei na concorrida festa do barrio lalinense - 'Labercos' e 'Erizos' triunfan nun desfile que encheu as rúas de Silleda

24.02.2020 | 02:19

"¡Que veñen, que veñen!"Era a frase máis escoitada onte pola tarde no barrio lalinense da Cacharela, misturada co ruído que producían as chocas, os chocallos dos 16 cacharelos que perseguían con toxos e fariña á xente que non acudiu disfrazada á cita do seu XIII Entroido. O grupo bautizou a un novo membro, de curta idade, que pasa a formar parte da canteira dun entroido que, ainda novo, xa está moi ben asentado nos festexos da comarca. E en Silleda, o seu desfile volveu congregar a centos de participantes ataviados con creatividade e sobre todo bo humor.

Cando unha ía camiñando onte cara ao barrio da Cacharela, de cando en vez xa vía no chan, na Avenida Luis González Taboada e na rúa Pintor Laxeiro, algunha pegada no chan de ovos e fariña. Era o regalo que lles agardaba aos que se achegaron ao Entroido da Cacharela sen disfrazar. Iso e algún que outro toque con ramas de toxo, por ousar manterse á marxe da festa máis lúdica do ano. A organización do Entroido da Cacharela cortou un tramo da tamén coñecida como Avenida de Bos Aires, e alí se concentraron centos de persoas para ver como os cacharelos -17, cun recén bautizado, dous máis ca o ano pasado- comezaban o seu baile. Primeiro, en pequenos círculos, facendo soar as chocas a cada paso e movendo as cintas de cores dos seus traxes. Pero, pouco a pouco, os círculos dos seus bailes foron facéndose máis grandes, así que só quedaban dúas opcións: ou resignarse ao castigo por non se disfrazar, ou marchar.

Poucos foron os que marcharon, máis que nada porque ademais dos Cacharelos, o programa ofrecía uns reclamos tan tentadores como os xigantes Papamoscas e Boi, chocolata e postres típico. Non faltou a música nin os xogos infantís. En Lalín, pola noite, continuou a programación do Entroido Musical organizada polo Concello.

E de Lalín a Silleda. O desfile e o concurso de disfraces congregou, un ano máis, a ducias de parellas, familias e grupos de amigos que desexaron competir por ver quén sacaba matrícula de honra en creatividade. Repartíronse 700 euros en total en premios aos tres mellores tanto en grupos como en individual/parellas. Na categoría de grupos, a mellor proposta foi a de 'Labercos', unha carroza de indios con traxes elaborados a man, mentres que a Escola de Fútbol de Silleda obtivo o segundo posto con 'Queimada galega', e o terceiro recaeu nunha horta ecolóxica. No apartado de disfraces individuais ou por parellas, dúas mulleres e un neno, vestidos de ourizos, conseguiron o primeiro posto, mentres que o segundo recaeu en 'Latoeiros, de festa en festa', e o terceiro, nos 'Irmáns Picáns', dous nenos ataviados de hippies.

Os premios do desfile de Silleda están donados polo Concello e por diversas empresas, igual que no concurso que houbo na Bandeira antonte sábado. Neste caso había 1.685 euros en premios. En charangas, os dous mellores foron, por esta orde, 'El gran circo', da Aula de Música da Bandeira, e 'Os da redonda', unha charanga ataviada como monxas e curas. Como individuais, o gañador foi 'Coronavirus', secundado por 'Jim Kayaza' e unha parella vestida con traxe de dinosaurios feitos a base de aire comprimido. Por último, en comparsas repatironse cinco premios. Os tres primeiros recaeron en 'Narco submarino', 'Control de carreteras' e 'Reggaetoneros'. Os dous restantes levan os nomes de 'Bandeibolos' e '101 dálmatas'.

Nesta voráxine de desfiles de fin de semana non podían faltar Rodeiro e Agolada (Lalín prescindiu do desfile este ano, Vila de Cruces organízao mañá e Dozón non adoita preparalo). Na Agolada, houbo gratificacións para os 10 grupos (125 persoas, en total), que decidiron facer unha clase práctica de Historia: as vestimentas recreaban dende o Imperio Romano ou o Antigo Exipto ata a aldea gala de Astérix, Obélix e o mago Panorámix, con poción máxica incluida. Rodeiro instalou unha carpa por se o tempo non acompañaba, pero o sol permitiu que o desfile si poidese facerse dende a Avenida Gumersindo Areán. O concurso de disfraces e a actuación dun grupo musical si que foron baixo a carpa, e un xurado integrado por membros de distintas asociacions encargábase ao peche desta edición de valorar as mellores recreacións. Estaba previsto que se repartiran, en total, 1.850 euros en premios, pois Cultura marcou tres galardóns para carrozas e comparsas e outros tres para grupos de adultos, grupos infantís, individual/parella de adultos e individual/parella de infantil.

Dicíamos que Cruces organiza mañá o seu desfile, pero onte Piloño recuperou o seu Entroido da Ulla, despois de tres anos de parón. O seu personaxe máis senlleiro, o Vello dos Cornos, volveu protagonizar unha xornada moi agardada por veciños, que volveron disfrutar tamén dos personaxes tradicionais da Fiadeira, a Rumba, a Vellería, o Alcalde ou os Abades. Como é costume, os Xenerais deron un repaso, en forma de verso á política actual. Durante a fin de semana, antonte a Fundación A Solaina abriu unha exposición de Carnaval con obras dos alumnos do curso de pintura, e Eira da Xoana acolleu a cuarta edición das Lupercais.

Na presente xornada, Lalín ofrece inchables e taller de máscaras, na Carpa Estrella de Galicia, no campo da feira vello. Haberá música con Os Verbeneros e Habana Feeling, ademais dunha chocolatada. En Silleda, a asociaciónVista Alegre propón unha festa infantil de disfraces, desde as 17.00 horas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia