Despois de sumar 3.000 espectadores nas súas funcións en Santiago, A Estrada, Rianxo ou Mazaricos, a agrupación folclórica Ximiela representará na Bandeira o seu espectáculo Raigame. A función ten a emigración como protagonista e, mediante 14 escenas cos seus correspondentes atrezzos e vestiarios, representará un fenómeno que desde comezos do século XX desprazou a máis dun millón de persoas.

A función será o 14 de marzo ás 20.00 horas no auditorio Manuel Dopazo. As entradas custan 5 euros e poden retirarse xa nos vindeiros días no consistorio de Silleda (polas mañás) ou nas instalacións do propio auditorio, en horario de tarde. Con Raigame, a agrupación folclórica muradá amosa, a través do baile e da música, as situacións polas que pasaron os galegos emigrados sobre todo a terras arxentinas, pero tamén os familiares e amigos que quedaron aquí. Na montaxe das 14 escenas participan máis de 70 persoas entre gaiteiros, pandereteiras, bailadores, actores ou técnicos. Este espectáculo estreouse con grande éxito o ano pasado e ademais hai que sinalar que Ximiela tivo un notable recoñecemento durante a participación, coa súa banda de gaitas, no Festival des Filets Bleus en Concarneau (Bretaña) así como no Festival Internacional de Gaita de Villaviciosa (Asturias). Por outra banda o director artístico do espectáculo, Pablo Seoane, é tamén o delegado de Galicia no Festival Interceltique de Lorient, no que participou na edición do ano pasado a Banda de Música Municipal de Silleda.

Dende a Concellería de Cultura a súa responsable, Mónica González Conde, apunta que esta proposta cultural "é unha homenaxe en forma de espectáculo tradicional a todos os galegos e galegas que un día marcharon en busca dun futuro mellor, e ao que agardamos que se sume o público silledense".

Historias reais

Raigame é o terceiro espectáculo de Ximiela e está inspirado en historias reais, posto que para poder darlle forma houbo un traballo de investigación centrado en testemuñas e cartas de familiares e achegados das persoas que emigraron a Arxentina. Por iso, ao longo da función os espectadores que xa puideron disrutar dela tiveron momentos de moito humor,pero tamén dunha profunda emoción.