Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Capitán Gosende descobre un petróglifo no Monte Porrido

O gravado rupestre achado polo colectivo o día da Candelora atópase no linde interparroquial de Castro e Quireza

Petróglifo do Monte Porrido, no linde das parroquias de Castro e Quireza. // Capitán Gosende

Din en Cerdedo que pola Candelora, metade do inverno fóra; e que se chove ou venta, aínda entra. O 2 de febreiro nin choveu nin ventou (e aínda que así fose). Avivecidos pola morna solleira, os do Capitán Gosende ocupamos a xornada dominical percorrendo o salagre do monte Porrido (abundancial de porro silvestre ou de abrótega), boscaxe que se estende polo sur das parroquias cerdedesas de Castro e Quireza, barazal confinante co Santo Isidro de Montes (Campo Lameiro). Un pé diante doutro, non deixamos rocha nin fragueiro sen esculcar.

O día da Candelora casaron os paxariños todos. Os frutuosos esponsais envolvéronse en arautos de primavera. Tras a cachea da simbólica fascista (que nos ocupou parte do inverno), o Capitán Gosende retoma en Cerdedo o labor que tantas ledicias nos ten deparado: o estudo e visibilización do noso patrimonio material e inmaterial e, nesta xeira, a descuberta e valorización da nosa arte rupestre.

Malia estaren riscados na pedra, en Capitán Gosende estabamos xa fartos de tanto xugo e de tanta frecha, feixes secos da nosa histórica invernía, como fartos estamos da cacicaxe que insiste en perpetualos. Volva zumegar a seiva dos petróglifos e volva verdear a follaxe avesía, para que o mesto arboredo evite a contemplación deste ermo de cínica ilegalidade. En Cerdedo seguen gobernando os de sempre e os de sempre, imposición tras imposición, eríxense no nó gordiano que pexa o avance e na canga que somete toda vontade de reconciliación. Os únicos gravados rupestres que a dereita local teima en preservar son o xugo e as frechas.

O domingo 2 os exploradores de Capitán Gosende descubrimos un petróglifo no monte Porrido, sobre o linde interparroquial de Castro e Quireza e a escasos metros dunha pista forestal. A inscultura, que denominamos "petróglifo do monte Porrido", localízase, segundo o mapa do IET, a uns 150 m, cara ao norte, da estrema co concello de Campo Lameiro (parroquia de Montes). O petróglifo do monte Porrido (coordenadas.- X: 544.627; Y: 4.709.845; alt. 481 m) componse dun agrupamento de 16 coviñas talladas na parte superior dun afloramento granítico. A superficie visíbel da laxa supera os 2 m2. A rocha intégrase nun conxunto rochoso no que proliferan pías e desaugadoiros de formación natural. Adxacente, anotamos a existencia dunha casoupa de pedra desprovista de cuberta que, en tempos, debeu empregarse como alpendre. Na zona, os rochedos e pedregais son abondosos, porén, a súa calidade (gran groso) é inferior á do soporte insculturado. Non se desbota, pois, o papel obliterador desenvolvido polos axentes erosivos.

Do conxunto de coviñas, a meirande acada os 10 cm e a máis pequena, os 4 cm. As concavidades de maior tamaño tamén son as máis profundas. Das 16 coviñas, 11 asócianse tanxencialmente e outras 2 adoptan a formación "peciño de neno", acuñada para os petros do monte do Ceo (Xirarga-Beariz). O seu número, tamaño e distribución polo panel lémbrannos o conxunto de coviñas (19) do petróglifo do Outeiro da Pena IV, descuberto polo colectivo Capitán Gosende nos montes de Sabucedo (A Estrada) en decembro de 2014.

O número de gravados rupestres descubertos en Cerdedo polo colectivo Capitán Gosende ascende a 46. Na comarca de Montes atinximos a cifra de 77. Ladran, logo cabalgamos.

Compartir el artículo

stats