09 de febrero de 2020
09.02.2020

Trasdeza programa actividades de Entroido en cinco parroquias

- Os xenerais farán un alto o 15 en Lamela e o 22 na Bandeira - Silleda volverá ter desfile e concurso nas rúas o domingo 23

09.02.2020 | 02:58
Veciños de Abades, onte, disfrazados con traxes típicos do folclore andaluz.

A programación oficial do Entroido de Trasdeza inclúe actividades en cinco parroquias: Abades, Lamela, Manduas, Silleda e Laro. Non faltarán actividades musicais, gastronómicas, desfile e concurso de disfraces e, por suposto, a tradición dos Xenerais da Ulla, con tropas que se seguen mantendo nas localidades da Bandeira e Lamela. O preludio carnavaleiro no municipio xa tivo lugar onte en Abades, da man da Asociación de Veciños A Costa, que organizou un xantar no seu centro social ao que acudiron 52 persoas e que estivo animado por gaiteiros, ao que seguiu un baile de disfraces pola noite.

| Sábado 15. O vindeiro sábado, día 15, a parroquia de Lamela abre as celebracións do Entroido da Ulla no municipio. Haberá desfile dende Barravaite e ás 18:00 horas está previsto o Alto dos Xenerais e pregón no campo da festa. A xornada, organizada pola Asociación de Xenerais de Lamela (Anxela) rematará cunha cea-baile amenizada por Pachi Show. Esa mesma xornada, no auditorio Manuel Dopazo o alumnado da Escola Municipal de Música da Bandeira celebrará unha audición ao mediodía.

| Venres 21. A fin de semana grande chega cargada de actividades. Comezarán o venres co xantar do Centro Social dos Maiores no restaurante Coteliño (14:00 horas), con baile amenizado por Punto Zero e sorteos varios. Pola noite, na Bandeira haberá vellada nos bares coa animación dunha charanga.

| Sábado 22. Será o día grande na Bandeira, cunha programación organizada dende a Asociación de Amigos da Empanada. Ás 16:00 horas arrancará o desfile dende a rúa do Deporte, coas máscaras e parrandas que participarán no concurso acompañando aos Xenerais. O seu alto, na Praza da Feira, arrancará coa sesión infantil a cargo do alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela. E, pola noite, a partir das 23:00 horas, terá lugar no pavillón o baile de disfraces con Trío Formas, Dúo Nueva Era e DJ Troula, con premios aos mellores nas distintas categorías (comparasas e carrozas, individuais e charangas).

Tamén o sábado de Entroido en Silleda terá lugar unha xornada organizada pola Banda de Música Municipal. A cita será pola noite na praza Juan Salgueiro, onde se celebrará o concerto Clásicos á galega (20:00), no que a formación acompañará a Suso Vaamonde. Ao remate terá lugar unha cea con sobremesa a cargo do Dúo Media Luna e sorteos entre os asistentes.

| Domingo 23. O domingo de Entroido, a capital municipal volve celebrar, ao igual que o pasado ano, o desfile e concurso de disfraces, organizado polo Concello en colaboración con varios colectivos da localidade (Ecos, Banda de Música Municipal, Asociación Cultural O Lacón e Escola de Fútbol de Silleda). O desfile partirá ás 17:00 horas dende a Casa da Cultura e percorrerá as rúas Progreso, Avenida do Parque, Santa Eulalia e Venezuela, para rematar na praza de Juan Salgueiro, onde se realizará a entrega dos premios e amenizará a tarde o Dúo Acuarela.

| Luns 24. O luns de Entroido, día 24 de febreiro, a Asociación Cultural Vista Alegre acolle outro clásico destas datas: a festa infantil de disfraces, con animación a partir das 17:00 horas.

| Martes 25. O martes 25, os máis pequenos tamén serán protagonistas en Silleda, coa festa organizada desde a asociación de comerciantes ECOS na praza de Juan Salgueiro (en caso de choiva será na Casa da Xuventude).

| Sábado 29. A programación de Entroido no municipio silledense prolongarase ata o sábado 29 de febreiro. Nesta xornada, ás 21:00 horas, dará comezo a segunda edición da Ruada de Entroido organizada pola Asociación Fortín da Pomba no entorno da praza da Feira da Bandeira, na que se agarda a participación de distintos grupos. Na parroquia de Laro, a asociación de veciños tamén organiza neste Sábado de Piñata unha festa no seu centro social, con animación a partir das 16:30 horas, desfile de máscaras, chocolatada e sorteos, entre outros.

Dende a Concellería de Cultura, Mónica González Conde destaca o traballo realizado polos distintos colectivos que participan na organización deste programa, "e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello". Asemade, a concelleira agradece a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores e dos colectivos que organizan.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia