Un cheque por valor de 1.500 euros e maila publicación da obra por Edicións Fervenza constitúen o dobre premio que obterá o gañador da quinta edición do Concurso Balbino de Relatos. A convocatoria que leva o nome do protagonista da obra máis internacional da literatura galega, Memorias dun neno labrego, foi presentada onte na casa do seu autor, a Fundación Xosé Neira Vilas, na parroquia cruceña de Gres.

No acto estiveron presentes os representantes das entidades colaboradoras: o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; os alcaldes de Boqueixón e Silleda, Manuel Fernández e Manuel Cuíña; o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Vila de Cruces, Julio López; e o responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez.

Bases dispoñibles

O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o martes 30 de xuño de 2020. Os relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais: ter unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres, estar escrito en galego e xirar en torno a unha temática vinculada co rural, o mar ou a emigración. As bases estarán dispoñibles para a súa consulta na páxina web concursobalbino.com. A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que dará o fallo no mes de setembro.

Este concurso de relatos pretende ser un estímulo para todas aquelas persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura. De periodicidade anual, o Balbino está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal sexa o galego e que terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración.

Nas anteriores edicións do concurso resultaron gañadoras as obras: B.S.O. Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira, en 2019; Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (2018); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (2017); e Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, que estreou o palmarés na convocatoria de 2016.