Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Conta atrás para o Entroido dezao

Silleda e Vila de Cruces continúan coas citas dos Xenerais da Ulla, mentres que O Naranxo anuncia un evento especial para o seu décimo Vermú de Señoritas en Lalín

Unha Xenerala no Entroido de Piloño, en 2016. // Bernabé/Luismy

Os especiais que publican, a finais de ano, os xornais (coa súa versión web na que cada lector pode conformar o seu propio anuario) non son a única maneira de repasar a historia local e nacional máis inmediata. O Entroido permite tirar de hemeroteca, pero dun xeito máis lúdico e, a poder ser, en verso. Dende o 15 de febreiro ata o 1 de marzo, a comarca dezá tamén se suma a esta festa que extende as rúas raíces ata o Exipto antigo, fai máis de 5.000 anos. Vexamos o calendario, por orde cronolóxica:

| Lamela, 15 de febreiro. Esta parroquia trasdezá enceta o programa de Entroido como sempre, o día anterior ao Cocido de Lalín. Arranca sobre as 17.00 horas, co desfile de carrozas que sae de Barravaite e terá remate no campo da festa. Será aquí onde os 8 Xenerais se enfronten na batalla dialéctica, a partir das 18.00 horas, pero antes intervirán o correo e o centinela, personaxes que encarnarán nenos. A organización prepara ademais unha cea popular no local social, que terá un prezo especial para os que acudan disfrazados. En canto á música, correrá a cargo de Pachi e Romina.

| Merza, 16 de febreiro. A Asociación Vello dos Cornos organiza un festexo que comeza ás 15.00 horas co desfile de carrozas, charangas e disfraces. Ás 17.00 horas terán lugar o Alto dos Xenerais (11, e un correo), o discurso dos Mouros (sempre centrados na vida da parroquia, o repaso do Escribano e o sermón do Frade, detemática relixiosa, claro está. Os Veteranos de Merza ocúpanse da banda sonora. Ao remate da festa, sortearase un porco e haberá chocolate con churros para a rapazada. Ademais, no concurso de disfraces repartiranse 950 euros en premios, máis que o ano pasado porque esta vez establécense tres galardóns nas tres categorías: carrozas, grupos colectivos e individuais. O cartel deste ano foi deseñado por Candela Troncoso Borrego, do CEIP da parroquia.

| A Bandeira, 22 de febreiro. En torno ás 16.00 horas comeza o desfile, os Vivas e despois o Alto dos Xenerais. Como noutros anos, é posible que intercambien arengas Xenerais de Lamela cos de Bandeira. Igual que en Merza, tamén se vai sortear un porco. As rifas estarán dispoñibles nos negocios da localidade. É o segundo ano que Amigos da Empanada organiza esta cita, pero a intención é que volva depender da Asociación Xenerais da Bandeira. Nesta vila, o CEIP Ramón de Valenzuela leva anos facendo un interesante labor de recueperación de arengas e tamén de difusión destra tradición entre o seu alumnado, para manter a canteira.

| Lalín, 22 de febreiro. O Naranxo festexa o seu Vermú de Señoritas, que cumple dez edicións. Por iso, haberá actos especiais, como unha comida popular, un grupo de música para a sesión vermú e un pinchadiscos para despois. A organización tamén está traballando nas Coplas de Santo Torrisco, e adianta que a Queima do Meco será o sábado seguinte, ou sexa, o 29 de febreiro. Así, permitirá a asistencia da xente máis nova, posto que no Mércores de Cinza é máis complicado que acudan.

| Piloño, 23 de febreiro. A parroquia cruceña recupera a súa manifestación do Entroido da Ulla, despois de tres anos sen el (a última edición fora no 2016). Cornamentas de Piloño festexa o carnaval xa dende o mediodía, cos Xenerais dando os Vivas polas casas. Os 8 Xenerais (un deles fai de Correo) xa están ensaiando as arengas, que serán desde as 16.30 horas e nas participan 3 nenos e mozos. O maior ten uns 14 anos. A festa conta tamén con Frades, Mouros, o Alcalde, que abordará a política, e a Parranda. Son, en total, unhas 60 persoas que volven darlle vida ao Entroido de Piloño. Tampouco faltarán o centinela nin as carrozas.

| Salgueiros, 1 de marzo. Esta parroquia, tamén de Vila de Cruces, é sempre a que pecha os festexos de Don Carnal na comarca dezá. A fin de semana pasada xa houbo unha reunión para repartir os personaxes entre os veciños, uns 30 colaboradores. Igual que noutras manifestacións do Entroido da Ulla, estarán presentes os Xenerais, o Frade, Os Mouros e o Alcalde, que este ano terá bastante de qué falar en vista das continuas polémicas e debates na política local. Salgueiros recuperou hai dous anos a Parranda dos Cegos, que entrou con moi bo pé grazas a unha canción sobre a Vespa velutina.

Compartir el artículo

stats