Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luis Zahera: "Feijóo chamoume por teléfono para facer o vídeo e pareceume interesante"

"Entre tanta animadversión e palabra grosa, é axeitado tender pontes entre cidadáns e políticos", opina o actor

Luis Zahera nunha actuación en Vigo no ano 2016. // Marta G. Brea

Deza Comedy arranca este sábado no Auditorio Municipal coa presenza do actor Luis Zahera, nunha iniciativa organizada por Recycling Bicicletas Solidarias e que tamén forma parte da programación cultural do Concello de Lalín. Zahera chega á capital dezá cun monólogo no que repasa as suás anécdotas favoritas máis sobranceiras. Trátase dun show cargado de experiencias e historias no que falará da Coruña, Santiago, dos seus viaxes, traballos, amores, familia... e, por suposto, do Goya que ten. Será ás 21:00 horas e durará 90 minutos. Os interesados poderán mercar as entradas anticipadas en www.woutick.es ou no Bar Manhattan, na rúa Habana da localidade lalinense.

-Por onde anda agora?

-Estou en Barcelona rodando con Dani de la Orden unha película que se titula Loco por ti. Estamos traballando moito e terei que seguir rodando todo o venres polo que chegarei a Lalín o mesmo sábado para facer a función. Apetéceme moito desconectar un pouquiño da voráxine da película para facer o monólogo e formar parte dunha iniciativa moi bonita.

-En qué vai consistir o seu monólogo no Deza Comedy?

-Pois, nada, eu que sei, vai ser un monólogo no que tento poñerme un pouco en ridículo falando do meu traballo e da miña familia. É un contacontos galego un pouco de lareira e de pensar en alto. Vai un pouco nesa liña porque o que quero en realidade é facer rir un pouco á xente, que boa falta fai nos tempos nos que estamos agora. A min este tipo de contacontos gústanme moito porque permítenche unha grande complicidade co público que tes diante nese instante.

-Cal é a fonte principal neste tipo de espectáculos tan íntimos?

-O certo e que é un formato que vai medrando e como que ten vida propia. Vas evolucionando pouco a pouco. Por exemplo, agora a min deume por falar un pouco da miña nai, que non contaba con iso. Un día, así de casualidade, arranquei por aí e como che digo foi medrando aos poucos. Tamén é certo que aos que nos adicamos a este oficio gústanos facelo porque é unha auténtica marabilla. Xa digo que me sinto moi cómodo contando as miñas cousas á xente que agarda de ti que lle fagas pasar un bo rato con historias que a todos nos resultan moi familiares.

-Supoño que a actualidade tamén é unha boa referencia.

-Eu na actualidade métome pouco, a verdade, porque é tan terrorífica que non me gusta meter nada. Eu rebobino bastante e vou bastante para atrás no tempo. Non son moito das cousas de actualidade, porque tamén me sinto mellor contando cousas de toda a vida e que sei que a xente agradece moito máis que, non sei, o que miraron na televisión ou leron no xornal.

-Sorprendeulle o éxito acadado co seu vídeo de Nadal xunto ao presidente da Xunta de Galicia?

-Sendo sincero, non sigo nada as redes sociais pero coido que a cousa tivo certo tirón. A verdade é que Feijóo chamoume por teléfono e pareceume interesante unir pontes entre bandas en teoría tan aloxandas entre sí. Como os actores sempre aparecemos como dunha banda e eles son doutra, pois unir as bandas e tender pontes entre os cidadáns e os políticos pareceume moi axeitado, xa que hai tanta animadversión e tanta palabra grosa. Aproveitamos ese parecido que temos os dous de irmán maior e irmán pequeno para demostrar que, aínda que sexamos de partidos distintos e de opinións políticas diferentes, polo menos deixar claro que somos todos cidadáns e que temos que levarnos ben entre nós porque é como ten que ser.

-Pensa que o conseguiron?

-Teño que recoñecer que non vin como quedou porque, como che dicía, non son dos que están pendentes das redes sociais e, ademais, porque non paro de traballar. Xa me dixeron que gustou bastante polo que ten de curioso e, se queres, de impactante. Pero, insisto, trátase de normalizar algo que ten que ser normal porque todos somos persoas coas nosas ideas propias pero non excluíntes.

Compartir el artículo

stats