Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Pérez García: "Desde os colexios estase facendo un labor impresionante na reciclaxe"

"Silleda tamén se implica en reciclar no rural e, neste caso, é un gran referente"

Francisco Pérez, onte, co alumnado no CEIP Ramón de Valenzuela. // Bernabé/Javier Lalín

O Concello de Silleda continúa coa organización de sesións informativas sobre a reciclaxe para os escolares do municipio. Entre onte e hoxe impartiranse un total de sete sesións para alumnado de Primaria e Secundaria baixo o lema Un novo ciclo de vida para o lixo. O encargado de impartilas é Francisco Pérez García, técnico de Medio Ambiente de Urbaser, que onte se desprazou ata o CEIP Ramón de Valenzuela, de A Bandeira, e ao colexio María Inmaculada de Silleda.

-Cal é o obxectivo desta iniciativa?

-Que os rapaces tomen conciencia da importancia de separar os residuos e explícaselles dunha maneira máis coloquial. O importante é que se dean conta de que nas casas xa podemos facer algo polo noso medio ambiente.

-Por que é importante empezar polos máis pequenos cando queremos cambiar algo, non?

-Si, porque son o futuro e eles son moi conscientes. Estou dando charlas a rapaces de distintas idades, de entre 9 e 11 anos, e a receptividade é moi grande. Eles teñen a necesidade de saber e de comprender, sobre todo isto último, non o porqué de que se reciclen os envases senón os beneficios medioambientais. Niso son inexpertos, pero están moi interesados en saber como colaborar. E despois disto hai una segunda parte, que é a continuidade nas casas. Os pais, tíos, avós, irmáns... debemos dar exemplo para as futuras xeracións. E o problema é que moitas veces non somos coherentes. O que me gustou moito é ver que os nenos non lles gusta ver un punto contaminado, por exemplo montes con restos de lavadoras, de coches, con mobles... e é unha actitude importantísima e por iso, os maiores debemos ser coidadosos e coherentes con esas cousas.

-Entón os nenos teñen ese interese por reciclar, ¿pero é un hábito que traen da casa?

-Desde os colexios estase facendo un labor impresionante, como estamos vendo ao recorrer distintos centros da provincia de Pontevedra. Por exemplo, reciclan nos patios. No caso de Silleda, teñen brigadas que se dedican a ir recollendo envases do chan, fan compostaxe... e o que me sorprendeu gratamente é que a inmensa maioría de rapaces sabe para que serve cada colector. E polo tanto, digamos que a miña colaboración con este traballo é refrescar, porque en moitos casos xa hai ese coñecemento. E despois nas casas, si que moitos rapaces me dixeron que colaboran levando o lixo aos colectores ou que incluso, separan os residuos nas súas vivendas. Polo tanto, creo que hai un bo traballo xa feito e isto hai que agradecerllo aos "profes", como lles chaman eles. E claro que moitos pais tamén son conscientes da importancia de reciclar, pero isto é algo do que se precisa moitos anos. E moitos rapaces de hoxe en día, de 8 a 12 anos, son fillos de pais que xa están reciclando e eu sempre digo que o importante é que cada un de nós colaboremos coa nosa pequena aportación para que o planeta sexa mellor.

-As sesións son interactivas. E como usa para tal fin unha lata?

-Úsoa no caso dos máis cativos. Cóntolles o conto dunha lata a través do cal lles explico o proceso de vida e esta lata o que fai é recorrer distintas utilidades desde que é unha lata e pasa a ser unha planta, un envase para meter bolígrafos, a ser unha pelota de xogo... para transmitirlle como unha simple lata ten unha vida interesante e moi rica e como acaba sendo distintas cousas útiles sen acabar nun basureiro. Para os máis pequenos serve para evidenciar como un residuo, tal e como nós lle chamamos, pode converterse en moitos tipos de vida.

-Cada vez reciclase máis?

-Eu nas clases non falo de datos porque non lles corresponde a eles asumir iso, senón ser conscientes de que non se pode ensuciar máis. Esa é a mensaxe para eles. Pero si que podo dicir que si se recicla cada vez máis e en Silleda a un nivel moi importante.

-De feito, o Concello de Silleda no ano 2017 estendeu a recollida selectiva de lixo áo rural e levou a cabo unha campaña específica.

-Si o caso de Silleda é un caso a ter en conta porque tamén se implica no rural nesta cuestión e isto fala moi ben da concienciación do propio equipo de goberno. E neste tema, Silleda é unha referencia importante.

Compartir el artículo

stats