Jesús Calvo Miguélez é un dos coordinadores da retirada de niños de avespas asiáticas do municipio de Agolada, onde se encargan os efectivos de Protección Civil, dos que el forma parte. Ademais, é todo un experto porque tamén ten colmeas. Agolada sumouse ao plan da Xunta que ten previsto lanzar agora no 2020 para combater esta praga.

-Cal é o método para retirar un niño desta especie?

-Cando a xente visualiza un niño de velutinas pásanos o aviso e paro outro día, nós procedemos a súa eliminación. Cando son pequenos elimínanse moi fácil e hai varias maneiras. No concello temos varios produtos para a súa eliminación, pero normalmente usamos un esprai que lle introducimos pola entrada ata que quedan totalmente eliminadas. Tamén os que están dentro das casas abandonadas envolvémolos nunha bolsa e destruímolos.

-En Agolada este ano houbo un aumento?

-Si, foi una epidemia,e para tratar de combater esta problemática, temos previsto dar unhas charlas en todas as parroquias para explicarlles aos veciños como usar trampas, porque estas na primavera non se poden colocar preto das abellas, senón nas árbores cando están en flor e as árbores favoritas das velutinas son sobre todo, as camelias, e tamén calquera arbusto cando está en flor. O trampeo en primavera é fundamental para reducilas, porque cada unha que cae nas trampas é un niño menos a eliminar.

-Cantos retiran por día?

-De media dez, pero hai días que chegamos aos 14, pero isto tamén dependen se son accesibles ou non porque senón dan máis traballo e encargámonos dúas personas expresamente desta tarefa.

-En que lugares están encontrado estes avespeiros?

-En garaxes, casas abandonadas, incluso retiramos dous que había no campo de fútbol, en muros, bloques e a verdade que agora hainos en calquera lado, e é resaltante, que eliminamos unha gran cantidade deles que estaban debaixo da terra.

-Vostede que tamén ten colmeas, como cre que lle está afectando esta praga ás abellas?

-Moitísimo. E se ás abellas non lles bota unha man e non as defendes, esta nova especie acaba con todas elas. É necesario estar continuamente con trampas porque senón non queda unha.