A Casa dos Picheles de Vilamaior, en Botos, acollerá a Matanza Tradicional do Porco, que se celebrará o domingo 2 de febreiro no marco da programación da LII Feira do Cocido. "Despois de varias valoracións optouse por este inmoble por tratarse dunha construción de pedra con preto de tres séculos de historia que, ademais, conta con diversas estruturas anexas en pedra, como alpendres para apeiros de labranza e para o gando e forno", declara o concelleiro delegado de Obras no Rural e Festas, José Cuñarro Torres.

É un caserío que destaca polo seu volume, que conta con eira e curro e que conserva as súas portadas orixinais de madeira, explica o edil. Ata hai poucos anos dispoñía dun hórreo de catro claros e unha fonte privada de auga. "Esta casa foi unha das importantes de Botos, ata a entrada da década dos 60, xa que os Picheles, xunto cos Palmaces, os García, os Mosquera e os Brandido eran as familias máis podentes da parroquia, ata que comezaron a vender bens e foron perdendo parte dese poderío", engade Cuñarro. Destaca que atesouraban bens tamén nas parroquias de Donsión e Donramiro (Filgueiroa), de tal xeito que desde a súa casa podían chegar ao actual cemiterio da Romea indo todo polas súas propiedades. Amais, salienta o feito de que o inmoble se encontra moi preto da casa onde un ilustre lalinense, Laxeiro, viviu coa súa familia boa parte da súa infancia.

Reunión preparatoria

Cuñarro amosa o agradecemento do Concello de Lalín ao propietario da casa, Luis Nistal Riádigos, por "cedérnola para desenvolver o que é un dos eventos etnográficos máis distintivos da Feira do Cocido". O chamuscado do porco farase na eira da casa e o colgado no curro, mentres que nos alpendres limítrofes terán lugar diversas actividades como unha exposición das esculturas de Willy, antigas máquinas de coser ademais da repostería que elaborará a veciñanza da parroquia. Hoxe ás 20.30 horas no salón parroquial terá lugar unha reunión veciñal para comezar a traballar nos preparativos da Matanza, apunta Cuñarro, que convida a participar a toda a veciñanza.

A Matanza Tradicional do Porco desenvolverase o domingo 2 de febreiro a partir das 11 horas. Chega a Botos nun recorrido iniciado en Cercio no ano 2000 e que seguiu por Goiás, Zobra, Prado, Moimenta, Galegos, Vilanova, Palmou, Vilatuxe, Santiso, A Xesta, Sello, Donramiro, Losón (O Corpiño), Rodís, Bendoiro, Soutolongo, Bermés, Moneixas e Donsión.