¿Por que as mulleres son case un 70% do alumnado de Belas Artes en España e, porén, supoñen só un 26,5% dos artistas presentes na feira Arco en Madrid? ¿Por que, sendo unha maioría abafante na formación e cos mellores expedientes, só protagonizan un 23% das exposicións individuais? ¿Por que no sector das artes escénicas e audiovisual traballan na meirande parte dos casos con contratos temporais ou esporádicos, mentres que os homes teñen períodos de traballos máis longos e mellor remunerados, segundo o informe recén publicado do Consello da Cultura Galega?

Estas e outras preguntas semellantes serán algunhas das que se plantexarán na charla coloquio que organiza Club FARO este xoves, día 12 de decembro, en Silleda. A historia da cultura contemporánea escríbese con nosoutras, as mulleres artistas é o título dunha cita na que se analizarán as diferentes desigualdades que as mulleres creadoras afrontaron e seguen afrontar no seu día a día profesional, sendo un espellismo a pseudoigualdade que en moitas ocasións se pretende amosar. Os asistentes poderán compartir reflexións e experiencias dende a xestión cultural e a creación coa comisaria Paula Cabaleiro, coa pintora silledense Marisa Miguélez e coa actriz e comunicadora Neves Rodríguez.

Paula Cabaleiro Comesaña (Cangas do Morrazo, 1986) exercerá como condutora do acto. Licenciada en Belas Artes pola UVigo e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea pola USC, actualmente é comisaria do programa Mulleres en Acción: Violencia Zero, da Deputación de Pontevedra. Participa en proxectos de acción social implicados co tecido asociativo e con persoas con capacidades diferentes, destacando Nos+otras en Red no Museo Thyssen Bornemizsa de Madrid entre 2015 e 2017, culminando coa exposición El espacio de la memoria.

Logo de emigrar a Suiza en 1971 para traballar e cultivar a pintura e os idiomas, Marisa Miguélez regresou á súa terra natal para exercer o maxisterio ata a súa xubilación, no ano 2013. Segue dedicada á pintura e a maioría das súas obras son un canto a Galicia, á maternidade, á natureza e á vida.

Criada entre Donostia, onde naceu en 1969, e Tui, Neves Rodríguez é locutora profesional desde os anos 90. Logo de debutar no Luar en 1993, traballou como presentadora en programas de televisión e radio, así coma en series de ficción e teatro.

Esta iniciativa do decano da prensa española, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, levarase a cabo a partir das 20:30 horas deste xoves na Casa da Cultura de Silleda. A entrada será libre e gratuita para todo o mundo que queira asistir, ata completar o aforo da sala. O acto será presentado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, e pola deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, que fará un breve balance das accións do seu departamento e dos programas na liña de apoio e visibilización das mulleres.