Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En Fiestras tamén se acordan de Santa Bárbara cando non trona

Na contorna seica nunca caeu un raio, mesmo cando hai dous anos arderan 1.000 hectáreas no Chamor

Cruceiro no lugar de Marín. // D.G.A.

"Acordarse da Santa Bárbara cando trona", di o vello refrán popular, mais os veciños de Fiestras (Silleda) tamén se acordan cando non trona e téñenlle misa e rosario na fermosa igrexa románica da parroquia e ata fai pouco tamén novena e procesión. E debe ser ben avogosa a santa, xa que nos contornos seica nunca caeu un raio e mesmo, cando hai máis de dous anos arderán case mil hectáreas no Chamor, a parroquia quedou ao marxe daquel inferno. Aínda que a festa principal da parroquia é o San Martiño do que demos conta nestas páxinas semanas atrás, acordamos achegarnos novamente a Fiestras para dar conta desta festividade que anos atrás se celebraba nunha vintena de parroquias de Deza e agora que saibamos, só nas de Fontao, parroquia con grande tradición mineira e na de Cumeiro, as dúas do municipio das Cruces e mesmo deixaron de tela os do Castro de Dozón, malia que alí a santa mártir patroa dos mineiros, os artilleiros e avogosa para as tronadas, preside o retablo dunha das capelas laterais. A de Fiestras é unha festa relixiosa, sen música, nin pólvora, nin xantar das casas. Por non haber non houbo procesión, malia que non choveu logo de moitas xornadas e había devotos dabondo para levar a santa.

Porén logo da misa aprovéitamos para dar unha volta pola parroquia que ten moito que ver. Como da igrexa xa tratamos na reportaxe do San Martiño, imos os referir ao lugar de Maril, unha pequena aldea dunha decena de habitantes, na que se localiza un antigo casal coñecido coma Casa do Arco por presentar este elemento arquitectónico na súa construción e tamén "do Convento", por ter pertencido séculos atrás, ao Mosteiro de Aciveiro que aquí percibía as rendas dos paisanos. A casa de boa cantería na que destaca o arco referido e unha ben labrada cheminea barroca, tivo tamén capela dedicada no ano 1667 a San Xoán Bautista por Juan Bautista Espinosa do pazo de Cascaxide en Escuadro, que nomeou o seu sobriño Andrés Fernández Espinosa capelán da mesma, segundo nos informou o investigador dezao, Xosé Ramón Pérez Salgado. Tamén no ano 1799, Manuel Fernández Espinosa, nomea a seu irmán Marcos capelán, que ben pode ser este o enigmático clérigo que repousa na tomba xacente da igrexa parroquial de cuxa identidade ninguén dou razón deica o de agora. Magoa que recentes e pouco atinadas obras de reforma lle fixeran perder a esta morada fidalga, boa parte dos seus elementos construtivos orixinais. Nas proximidades, puidemos localizar outras dúas casas nas que se atopan senllos arcos de medio punto servindo de porta principal, quizais procedentes de antigas edificacións dos séculos XV ou XVI, e unha máis de boas canterías, agora en ruínas cunha ben labrada porta gótica. Tamén preto do lugar hai unha ponte sobre o río Toxa, que pode datar do século XVIII, derruída en parte hai uns anos por unha enchente e que en tempos era única no camiño real que ía a Escuadro. Os veciños xa cansaron de reclamar o seu arranxo, que ninguén atende ao existir outra moderna augas arriba, pola que agora decorre o trafico rodado.

Esta aldea, repleta de casas típicas, hórreos e outras construcións populares, ben merecía haber tido un plan de recuperación e posta en valor, pero as reformas pouco atinadas, as modernas construcións agrícolas que se lle pegaron e a recente cementación do camiño entre as casas, estragaron en boa parte o que para nós, é un dos mais típicos e históricos lugares do municipio de Silleda.

Cruceiro inédito en Marín

Nun vello camiño abandonado que arrinca cara o monte comunal dende o lugar de Marín, localizamos hai uns vinte anos un antigo cruceiro chantado enriba dun penedal. Non tiñamos ollado noticia escrita del, con rudas figuras de Cristo e a Virxe no anverso e reverso. O cruceiro, medio oculto polo mato ao igual que o camiño entre valados, ben merecían ser postos en valor ou cando menos, facerlles unha limpeza axeitada.

Na mesma xornada paramos no lugar de Recimil onde se localiza a casa grande de Bibián, un bo exemplar de casa labrega e señorial con hórreo de seis claros e muíño dentro da extensa propiedade. E aínda tivemos tempo para achegarnos ao castro medio derruído fronte a igrexa e logo a Pena dos Mouros, na procura de petróglifos que non atopamos entre o espeso mato, pero habemos seguir cacheando na procura deste e outros valores patrimoniais da parroquia, coa axuda que nos veñen prestando os nosos amigos e colaboradores.

Compartir el artículo

stats