Hoxe cúmprense catro anos do pasamento de Xosé Neira Vilas, o "home de ben", como reza a súa lápida, que colocou a Gres e a Vila de Cruces no mapa da literatura. Neira Vilas finou en 2015, pero a súa capacidade de traballo era tal que dende entón téñense publicado varias obras inéditas e sairon ao mercado novos proxectos editoriais para seguir fomentando a lectura sobre todo entre os máis novos, "o seu público natural", como explica o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo.

Precisamente onte, durante a homenaxe ao escritor, presentouse na fundación un novo libro da editorial Bolanda, Xosé Neira Vilas. Vida e obra. Esta fotobiografía vai un paso máis alá da Memoria gráfica de hai anos e está dirixida a ese público adolescente. Por iso, incorpora a obra Contos vellos para rapaces novos, en formato audiolibro. Así, introducindo un código QR o lector poderá escoitar un conto determinado. Neira Vilas comezou en 1960 en La Habana a recompilar contos tradicionais dos cinco continentes, e rematou este traballo en 1966. En 2016, meses despois do seu falecemento, reeditouse Contos... pero en formato tradicional.

Antonio Couto, da editorial Bolanda, acudiu a esta presentación,acompañando ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ao citado Fernando Redondo e tamén a alumnos de quinto e sexto de Primaria do CEIP O Foxo, da Estrada. Este centro, que desde hai anos mantén unha estreita colaboración coa fundación de Gres, xa estivo presente tamén na conmemoración do ano pasado. Nesta ocasión os estudantes fixeron unha pequena representación teatral, despois da ofrenda floral ante a tumba.

Durante as súas intervencións, Fernando Redondo fixo fincapé en que a meta da fundación é "que exista unha permanencia" da obra de Neira Vilas, á vez que o lembra en cada cabodano do seu óbito, mentres que Valentín García, que antano fora secretario da entidade, quixo destacar que as xeracións máis novas son non só o futuro dos consumidores de literatura, senón tamén, quizais, unha nova xeración de escritores.