Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O viño do Ulla ten historia

Desde a Idade Media este caldo tiña moi boa acollida na cidade de Santiago

Festa do viño en San Miguel de Sarandón, Vedra. // Bernabé/Luismy

A ribeira do Ulla, é dicir, os terreos que están á beira do río Ulla nos concellos de Vedra, A Estrada, Vila de Cruces, Teo e Padrón, producen un viño obxecto dunha celebración anual na parroquia de San Miguel de Sarandón no concello de Vedra. A festa celébrase o segundo domingo do mes de abril desde o ano de 1980 baixo o nome de "Exaltación do viño da Ulla".

Estes caldos, que teñen recoñecida a denominación de Orixe Rias Baixas, elabóranse con uva caíño, albariño e roxo, viños ácidos en xeral e con pouco alcohol. As cepas do albariño chegan a durar 200 anos e teñen unhas raíces que poden chegar a grande profundidade. O caiño, chamado tinto do país, tarda tres ou catro anos en dar froito e hai que plántalo ben separado por culpa das raíces. O outro viño é o roxo ou catalán, pois veu de Cataluña, pero que ten por nome verdadeiro o de romano. Esta planta admite a poda en cotón e chámase roxo pola cor da uva. Porén en documentos do s. XVIII os viños só se distinguían segundo como se producían, en parral ou en cepa redonda, esta menos produtiva.

Xa desde a Idade Media o viño do Ulla tiña moita aceptación na cidade de Santiago, sobre todo porque era máis barato que o do Ribeiro ou o do Castela. Todos os viños entraban en Santiago pola porta de Mazarelos, o que xa aparece comentado no Códice Calixtino, pois a rúa de Sar era a única vía de comunicación que levaba a Ourense.

No século XVIII unha disposición do Rei Carlos III manda que ante a situación de fame e miseria que se vivía no Reino de Galicia, se prohiba a venda de viños cataláns e outros estranxeiros, que eran mais baratos que o do país e máis vigorosos a forza de ingredientes, que en lugar de apagar a sede a aumentaba. E véndose despoboada a ribeira do Ulla, Avia, Miño, Ribadavia e outras, prohibe por todo o reino a introdución de viño estranxeiro ou polo menos nas cidades de Santiago e Tui e pobos da contorna.

Con todo a súa promoción en 1883 facíase deste xeito na prensa compostelá: "Hemos tenido la ocasión de probar el exquisito vino del Ulla que se despacha en el establecimiento de don Salvador Sobredo, Puerta da Mámoa [?] Mezclándole un poco de azúcar y una pequeña cantidad de bicarbonato de sosa, que se vende muy barato en las droguerías, es además el mejor refresco, es más agradable y es más barato. Estamos seguros que el que lo pruebe, ha de reincidir muchas veces. Es además, estomacal para la comida, en una palabra es un específico algo mejor que los que se anuncian del extranjero."

Percorrendo os actuais furanchos, que se atopan establecidos a unha e outra beira do río Ulla, comprobamos que se serve este viño aos clientes con moito éxito. Hai moitos establecementos con moi boa acollida e atracción, e un destes establecementos atópase no lugar de Golmados da parroquia de Arnois (A Estrada), onde os mércores se serve este viño con anacos de touciño fritos (torresmos) de xeito que é tan grande a aceptación deste produto, que visitan esta taberna-panadería veciños de todos os concellos limítrofes, como son os de Vedra, Boqueixón, Teo, Santiago, Silleda e outros. En temporada de verán mesmo se serve o viño nas varandas das fiestras para que todo o mundo poida ter un espazo onde tomar un grolo do viño da Ulla, acompañado dos torresmos. ¡Toda unha atracción turística, onde un se sente a gusto catando este noso viño da Ulla!. Xa o dicía o mindoniense Álvaro Cunqueiro, no seu libro da "Cocina Gallega": "Hay que ir al Ullán a beber unos vinos flacos y ácidos,"

Compartir el artículo

stats