Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nieves Irene García Faílde: "O máis bonito de ser médica é ver cando a xente mellora"

"É necesario que a unidade de coidados paliativos chegue á comarca para que o paciente pase os seus últimos días na casa"

Nieves Irene García Faílde, no centro, arroupada polos seus compañeiros na súa homenaxe realizada no restaurante O Pote de Piloño.

O restaurante O Pote de Piloño (Vila de Cruces) albergou o pasado venres unha cita moi especial: a despedida da médica Nieves Irene García Faílde, que desde o 2006, traballaba no centro de saúde de Vila de Cruces. Os seus compañeiros de gremio quixeron arroupala e mostrarlle todo o seu afecto. Entre os asistentes estiveron parte do equipo dos ambulatorios de Lalín, Silleda e por suposto, do cruceño. Regaláronlle unhas xoias da deseñadora galega Susi Gesto, en concreto, un colar e uns pendentes exclusivos e personalizados para a homenaxeada.

"Era unha médico moi querida, moi boa profesional, cun gran don de xentes e moi entrañable", indica Natalí González, enfermeira do centro cruceño. Nieves García é natural da parroquia rodeirense de Pedroso. Está casada e ten un fillo e na actualidade, reside na parroquia lalinense de Bermés. Valora de "fantástica" a súa traxectoria profesional no municipio cruceño. "Aquí o trato era moi familiar, con moita empatía co paciente, coñecendo a súa vida e tratando de axudarlle en todo o que se podía", confesa García. Sinala que ten un montón de anécdotas de toda a súa traxectoria profesional. "¡Podería escribir un libro!".

Estudou Enfermería e Medicina en Santiago. Traballou de enfermeira no Hospital Xeral de Compostela desde 1977, despois trasladouse ao ambulatorio de Lalín en 1990, e seguidamente, traballou como médica en Sanxenxo, Silleda e agora en Vila de Cruces. "Despois de corenta e algo de anos decidín xubilarme, porque temos que darlle a oportunidade de traballo ás novas xeracións que saen da facultade moi ben formadas", apunta esta profesional, quen indica que quedan dúas prazas libres: unha de enfermeira en Lalín e unha de médico en Cruces. "Os meus pacientes dixéronme que agora desfrute moito da vida". Xubilouse o 26 de outubro. "De momento, levo como se estivera de vacacións e supoño que nalgún momento, botareino de menos".

Decidiu trasladarse a traballar á comarca "pola proximidade xeográfica coa familia, pero en todos os sitios nos que estiven sentinme moi ben". Confesa que lle encantaba traballar no hospital. "Porque me gusta moito traballar en equipo e no hospital, neste sentido, estás sempre máis arroupada, porque nos centros de saúde moitas veces tes que enfrontarte ti soa a situacións". E non dubida ao dicir que "o máis bonito do meu traballo é a satisfacción de ver cando a xente mellora".

A súa opinión sobre a sanidade de hoxe en día tamén é rotunda. "Con moita falta de persoal". E aproveita a ocasión, para facer unha reivindicación. "Sería moi importante que chegaran os paliativos a toda a comarca de Deza porque é unha poboación moi maior e hai moita xente dependente". No seu día a día, no seu papel de médica, o que máis botaba de menos, por exemplo agora nos últimos anos en Vila de Cruces, era a falta de tempo. "Porque é moi difícil poder atender a esta poboación, que é moi dispersa, con xente moi maior, en onde hai moitos encamados, e cada vez máis, nas familias hai menos xente, porque os mozos, como non encontran traballo preto das súas vivendas, deben marchar", apunta e aproveita ademais para agradecer toda a axuda e apoio dos servizos sociais. "Non sei que sería de nós, sen eles", recalca. Así mesmo, insiste en que é moi necesario que houbese máis tempo a domicilio. "Por iso tamén é tan importante a unidade de coidados paliativos para que o paciente puidese pasar os últimos días na súa casa e na compaña da súa familia".

Compartir el artículo

stats