O Concello de Forcarei ten previsto executar unha actuación de carácter urxente para acabar cunha "esaxerada invasión" de mosquitos que se concentra estes días no contorno da instalación que acolle as pistas municipais de pádel. Operarios municipais están realizando tarefas de limpeza desta área pero a alfombra de insectos aparece dun día para outro cubrindo o chan, segundo explicaron onte dende o Concello.

Indican fontes municipais que a situación non impide a práctica deportiva neste recinto, xa que a maior concentración de mosquitos dase no exterior. Engaden que se trata dunha especie que non produce picaduras. Non obstante, as tarefas de limpeza deben executarse no interior, xa que os mosquitos acaban aparecendo nas pistas.

O Concello xa contactou cunha empresa especializada no control de pragas, que realizou unha inspección da zona afectada e determinou que o problema deriva da existencia dun pequeno espazo morto entre as paredes de ladrillo do inmoble e a chapa metálica que as recubre.A sucesión de días de calor e a choiva xeran un hábitat idóneo neste espazo para os mosquitos se multipliquen. Deste xeito, a empresa limpará as canles da rede de pluviais, pulverizará a zona máis problemática e procederá ao selado das xuntas da devandita chapa. Esta actuación realizarase cando as condicións meteorolóxicas o permitan.