O Concello de Rodeiro acolleu onte ao mediodía a presentación da programación da tradicional Festa da Caza, que nesta novena edición incluirá unha decea de actividades gastronómicas, lúdicas e deportivas desde o sábado 9 de novembro ata o domingo 17. Así o anunciou o alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, que estivo acompañado polo concelleiro de Turismo, Pablo Sobrado Vázquez; o presidente da Federación Galega de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo Castiñeira; e o presidente da Sociedade Deportiva de Caza e Pesca de Rodeiro, Rubén Perfecto Quintá.

As primeiras actividades desenvolveranse o sábado 9 de novembro e forman parte dunha xornada micolóxica que arrincará ás 9:30 horas na Casa da Cultura cunha charla impartida polo experto Tomás Rodríguez Novoa. De seguido, ás 10.30 horas, está prevista unha saída ao monte para realizar un treito do Camiño de Inverno, concretamente entre o Punto Limpo e a aldea de Penerbosa. Con posterioridade, ás 13.00 horas encontraranse tódolos participantes na Casa da Cultura e ás 13.45 poderán participar nunha degustación de cogomelos en Casa Achacán. Todas estas actividades son gratuítas pero teñen prazas limitadas, polo que recoméndase que todos aqueles veciños interesados en participar envíen canto antes un correo electrónico ao enderezo gastronomia@rodeiro.org.

Na seguinte fin de semana, o venres 15 de novembro celebrarase un gran magosto ás 21.00 horas nunha carpa ubicada na rúa Gumersindo Areán. O sábado 16, a actividade central comezará ás 9.00 horas e consistirá nunha montaría feminina organizada pola Federación Galega de Caza de Pontevedra en colaboración coa sociedade local e o Concello.

Día grande

Na xornada do domingo 17, a partires das 10.30 horas están programados nas inmediacións do consistorio pasarrúas de agrupacións musicais e actividades de simulación de tiro, tiro con arco, field target e demostracións de cetrería con exhibicións de voo e exposición de aves. Ás 13.00 horas comezará a gran degustación gratuíta de produtos de caza ao abrigo dunha carpa ubicada na rúa Gumersindo Areán.

O alcalde destacou que "a combinación de gastronomía e caza é un dos grandes atractivos turísticos que pode ofrecer no outono e no inverno un concello do interior como Rodeiro" e, por iso, aproveitou para "convidar a tódolos veciños de Rodeiro e da comarca de Deza a participar nestas actividades". Ademais, Luis López agradeceu a implicación de tódalas institucións e entidades que fan posible esta festa, entre as que citou á Consellería do Medio Rural, o GDR Pontevedra Norte, Agader, os hostaleiros de Rodeiro, a Federación Galega de Caza de Pontevedra e a Sociedade de Caza e Pesca de Rodeiro.