Esca, de Antonio Piñeiro, é a obra gañadora do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta. Foi decisión unánime do xurado, reunido onte á tarde no compostelán Pazo de San Roque e formado por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán, Pilar Sampedro e Fernando Redondo -por parte da Fundación Xosé Neira Vilas- e mailo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.

O tribunal ensalza a calidade dun relato que evoluciona en espiral creando unha atmósfera e un clima de tensión narrativa, amais de destacar pola súa ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica, pola creación de personaxes poderosos e ben caracterizados e, en definitiva, por compoñer un relato aberto a diversas interpretacións cun final impactante e iluminador. Tamén subliña a alta participación nesta cuarta edición, que acadou os trece orixinais presentados, a máis alta dende que se creou o premio.

Antonio Piñeiro Fernández é un profesor, editor e escritor nado en Ribeira; atesoura os premios Torrente Ballester e García Barros; e entre as súas obras están A identidade fascinada, As fiandeiras ou A través do fume. O galardón seralle entregado o domingo 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación en Gres (Vila de Cruces) co gallo da conmemoración do Día de Neira Vilas. O certame, dotado con 1.000 euros e a publicación do traballo seleccionado, persegue estimular a creación literaria, fomentar a lectura en galego e proporcionar obras de calidade aos xóvenes que lle permitan achegarse ao mundo da novela.

Anisia e encontro

Por outra banda, este domingo, 27 de outubro, ás 17:00 horas, celebrarase unha homenaxe a Anisia Miranda, xornalista, escritora e muller de Neira Vilas, con motivo do décimo aniversario do seu pasamento no cemiterio de Gres (Vila de Cruces). O acto consistirá nunha ofrenda floral, a lectura dalgúns dos seus textos e unha lembranza da súa figura. A continuación, terá lugar un coloquio co escritor Xián Lois Alcayde, gañador do I Concurso Balbino de Relatos, que arranca os Encontros Literarios en Gres. Este ciclo traerá autores mozos para falar da súa obra, dos seus procesos creativos e da pegada da obra de Neira Vilas na súa escrita.