Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A aprendizaxe máis natural

A asociación Emocionarte achega á comarca a súa proposta de educación na natureza con obradoiros para nenos de 3 a 6 anos

Participantes no obradoiro en familia celebrado no entorno da praia fluvial de Vilatuxe.

"Estar cada día un tempo na natureza para observar, experimentar, crear, desenvolver a imaxinación e fortalecer o sistema inmunolóxico, xa que non hai mal tempo senón roupa inaxeitada". Tales son os propósitos do coletivo Emocionarte, en verbas dunha de Silvia López, que o pasado domingo dirixiu un obradoiro familiar na área recreativa de Pozo do Boi, en Vilatuxe (Lalín). Xogos, experiencias sensoriais e artísticas, contos e aperitivo natural formaron o menú lúdico-didáctico dunha actividade na que participaron varias familias dezás.

Emocionarte xurdiu en marzo en Antas de Ulla coa pretensión de ser un espazo educativo na natureza para nenos de 3 a 6 anos, idades nas que a escola aínda non é obrigatoria. "Queremos que os nenos medren felices e teñan boas lembranzas, pero tamén crear persoas con pensamento diverxente, capaces de enfrontarse á realidade que nos rodea acadando solucións eficaces por eles mesmos, de superar os seus retos e medir os seus límites mediante o contacto constante coa natureza e o acompañamento respectuoso por parte das educadoras", explica Silvia López, unha das socias, xunto a Teresa Vázquez e Nathalie Cabana. Capacidade de decisión, autoestima e seguridade son aptitudes que "se están a perder" nos nenos, "porque os adultos moitas veces dirixen, ordean e, ademais, parece que van sempre con présa para poder escoitalos e atendelos como merecen", subliña. É un modelo que leva anos funcionando con éxito noutros países, como Alemaña, onde hai 2.500 escolas na natureza, ao que aspira a chegar Emocionarte.

O seu ámbito de traballo son, polo de agora, as comarcas da Ulloa e de Deza, onde durante o verán organizaron campamentos en Vilatuxe e Rodeiro. Agora seguen a facer obradoiros e madrugadores, e en breve poñerán en marcha un proxecto para persoas maiores, "sempre enfocado na natureza e no respecto, coidado e amor que lle debemos, xa que ela nos da a vida", sinalan desde o coletivo. Chámalles a atención que moita xente que vive no rural "pensa que xa o coñece e non o aprecia" e, de feito, cativos cos que estiveron no período estival non sabían sequera o nome das árbores do seu entorno ou dos paxaros máis comúns. "Non digo que haxa que coñecer todo o que nos rodea, que é moi difícil, pero si observar e apreciar como se merece, e iso é o que pretendemos desde Emocionarte, Sentir e Crear", conclúe López.

Compartir el artículo

stats