Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha mámoa en Cuíña

Capitán Gosende descubre un túmulo megalítico no medio dunha repoboación de piñeiros e eucaliptos

A mámoa. Ao sur, a aldea de Cuíña; ao leste, a aldea de Mamoalba.

O sábado 12 de outubro os exploradores do Capitán Gosende percorremos a tenza de monte localizada ao norte da aldea de Cuíña e a poñente da aldea de Mamoalba, ambas as dúas pertencentes á parroquia cerdedense de Quireza.

No predio identificado como "O Covelo" polo Topográfico, a uns 530 metros ao norte de Cuíña e a uns 770 metros ao oeste de Mamoalba, descubrimos un túmulo megalítico no medio dunha repoboación desordenada de piñeiros e eucaliptos. A tumba prehistórica, adscrita ao período neolítico (uns 6.000 anos de antigüidade), foi erixida no centro dun planalto, a uns 500 meros de altitude e a carón de dúas antigas vías de comunicación.

Identificada como "Mámoa de Cuíña" (coordenadas X: 544.110; Y: 4.711.531), o moimento ten uns 20 metros de diámetro e presenta unha ampla foca de espoliación (uns 5 metros de diámetro). Diversos espécimes arbóreos colonizaron a superficie do medelo (piñeiros, eucaliptos, toxo, carrasco, fentos, silveiras...); un exemplar de bidueiro de bo porte enraizou no centro do buraco de violación. Uns cantos cachotes pertencentes á coiraza (algún de seixo branco) esparéxense polos arredores. Os ortostatos da cámara funeraria non son visíbeis, porén, chamounos a atención a feitura dun espeque canceleiro que, fincado a escasos metros do depósito arqueolóxico, semella reutilización do material tumulario. Amais dos danos inflixidos polo saqueo, a perda de masa tumularia foi debida á secular actividade agrícola e forestal.

A uns 180 metros cara ao norte do depósito arqueolóxico, no bordo do planalto, un pelouro granítico agasállanos cun miradoiro excepcional das abas da Conla e do Montouto (coordenadas.- X: 544.239; Y: 4.711.671). Por desgraza, os escopeteiros veñen empregando o lugar como campo de tiro. Arredor daquel postoiro, centos de cartuchos ciscállanse polo chan. Imaxinen a sarabiada de chumbo espallado pola valiña.

O colectivo Capitán Gosende reclama a pronta catalogación da mámoa de Cuíña, a conseguinte aplicación da área de protección (200 metros) e o acondicionamento do lugar. Urxe tallar a vexetación que emprega a coiraza da mámoa como soporte.

A mámoa de Cuíña, descuberta o pasado día 12, localízase a pouco máis de un quilómetro de distancia cara ao oeste da necrópole megalítica do Castriño ("Minas do Castriño"): 5 mámoas catalogadas por Patrimonio en 2001 (GA3601114- 15-16-17 e 18). A necrópole do Castriño localízase a medio camiño entre as aldeas de Mamoalba e Fondós, ambos lugares pertencentes á parroquia de Quireza. Probabelmente, un destes túmulos deulle nome a aldea de Mamoalba.

Así mesmo, a mámoa de Cuíña sitúase a uns 420 metros cara ao norte do Pousadoiro II e a uns 280 metros cara ao norte do Pousadoiro III, estacións petroglíficas descubertas por Capitán Gosende a finais de setembro.

Na actualidade, o número de mámoas catalogadas por Patrimonio no territorio de Cerdedo ascende a 45. Por desgraza, ningún dos depósitos neolíticos catalogados chegaron incólumes aos nosos días. Mesmo despois de figuraren inscritas no inventario de Patrimonio ?e supostamente protexidas?, algunha das mámoas foi obxecto de destrución parcial ou total por mor da actividade agrícola e forestal.

Compartir el artículo

stats