Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os devotos ateigan a capela do Anxo da Garda de Buxel

Esta devoción arrincou hai agora 250 anos nas terras de Agolada

Inscripción no dintel da capela e escudo de armas dos Varela na casa fidalga. // D.G.A.

Douscentos cincuenta anos despois da súa fundación a capela do Santo Anxo da Garda de Buxel, centos de veciños da parroquia de Artoño e dos contornos de Agolada, Cruces e os municipios da outra banda do Ulla, acoden nestas datas do outono a este pequeño para cumplir coa tradición e a devoción, asistindo as misas rezadas, cantadas e as procesións e logo se se terza quedar para a sesión vermú,ou a xantar convidados nunha das doce casas da aldea e rematar nas animadas verbenas, que nesta ocasión a amenizaron o grupo espectáculo "Alba", as orquestras "Platino" e "Nueva Era" e a charanga "Chiringota". Nalgún tempo os romeiros que acudían a esta antiga capela, quedaban a xantar no recinto onde había postos para comer, beber e mercar. Moitos dos que concorren son membros da Capelanía do Anxo da Garda, vulgarmente coñecida pola "do Ánxelo" que renovan cada ano o compromiso coa fe e a cota económica que o cura se encarga de recoller e apuntar nun cuberto acceso ao tempo que apunta as misas, mentres no interior do templo o sancristán recibe as ofertas que noutro tempo eran en especie e motivo de poxa e agora son en cartos, e tamén prende as candeas que solicitan e pagan os devotos.

Merece unha mención especial a capela que en 1669, foi fundada por Benito Mosquera de Traspenas "con pensión de dos misas cada semana", segundo reza unha inscrición que pode ollarse sobre o lintel da porta principal. Este era fillo de Alonso López de Traspenas dono do pazo de Traspenas e de Leonor Quexada, e neto de Sancho Pérez de Traspenas, que fora xuíz da xurisdición de Borraxeiros e Catalina Rodriguez Noguerol. Foi comisario do Santo Oficio da Inquisición e crego da parroquia de Santalla de Artoño na que tiña casa solar e tamén de Borraxeiros e anexos que no ano da fundación asina un convenio co capelán da capela Francisco Vermudez que el nomeara, sobre das rendas que lle correspondían a ela, segundo un documento que nos achega o investigador de Agolada Xosé Ramón Pérez Salgado.

No interior deste pequeno templo dunha soa nave, gardase unha imaxe do Anxo da Garda que semella de nova factura ao igual que o sinxelo e único retablo da capela. Nunha das paredes laterais chama a atención un mural que debeu pintado pouco despois de construírse a ermida, coa representación da última cea de Xesús, na que a metade dos apóstolos fican baixo a espesa man de cal que cubre as paredes de cachotería do templo e que merecía poñer o descuberto cunha rigorosa restauración.

Formando conxunto coa capela hai unha casa fidalga refeita e modificada anos atrás, que conserva un escudo de armas, igual ao que pode ollarse no Pazo de Traspenas na mesma parroquia con armas dos Varela cos que estiveron emparentados os seus posuidores como xa referimos anteriormente. Na casa e tamén na capela, realizaría importantes obras de rehabilitación e mellora o presbítero Francisco Calbo y Arias, nativo de Borraxeiros e "presbítero y capellán de la capilla del Santo Angel en Bugel de Abajo" segundo aparece nos documentos do século XIX.

Fronte a a capela e casa fidalga referidas, hai outra casa de boas canterías e portada semicircular cunha cruz en altorrelevo, que ben puido ser morada eclesiástica que xunto cunha vella construción en ruínas cara o norte, forman unha praza na que se ven celebrando a festa e que dende fai uns anos preside un palco da música de cemento que para as novas bandas e orquestras faise pequeno e de escasa utilidade e que na xornada do domingo serviu para a misa solemne dado que os numeroso devotos que acudiron non cabían na capela.

Nesta parroquia de Artoño tamén se celebran festas honrando o San Ramón a finais de agosto, nunha pequena capela datada en 1735, con cruceiro procesional a beira da carbelliera que acolle o centro social e campo da festa.

Na parroquia ademais do Pazo de Traspenas, coa capela dedicada a Virxe do Carme, aquí mencionado e recentemente restaurado, hai un par de casas señoriais de mérito, dous castros en Artoño e Buxel, varias mámoas no monte Luxilde, media ducia de muíños no regato local, hórreos de ata catro claros, algúns lagares e outras construcións populares, e merecerían unha axeitada descrición a igrexa parroquial, que conserva elementos románicos e varios cruceiros espallados por esta parroquia que encosta cara o Ulla e ten amplos horizontes cara a Pena Guntín.

Compartir el artículo

stats