Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lamela festexa a Santa María por partida dobre

A parroquia celebra dous días de romaría dedicados á Virxe do Carme e á das Dores

Imaxe da Virxe do Carme.

A parroquia de Lamela celebrou a pasada fin de semana as súas festas principais honrando a Santa María por partida dobre, nas súas advocacións do Carme e das Dores, nesta ocasión en dúas xornadas, e non en tres coma deica o de agora, caendo do cartel o San Miguel, que é o patrón e preside o altar maior da igrexa, aínda que si acompañou as imaxes das dúas Virxes nas súas procesións. A primeira xornada festeira estivo dedicada a Virxe das Dores e a do domingo e principal, a Virxe do Carme, con misas solemnes e procesións nas que participaron os gaiteiros de A Pereiriña e Os Sin Son. Tamén houbo pasarúas polos lugares da parroquia, sesións vermú e verbenas no espléndido recinto cuberto das festas que rodea o centro social, coa Banda de Música da Bandeira, a charanga Atrevidos, a orquestra Claxxon e o trío Sintonía.

A igrexa parroquial de Lamela foi construída no emprazamento actual a principios do século XIX, cunha soa nave e erguido campanario barroco, sendo consagrada no ano 1804 e dous anos despois faríase a sancristía. A antiga, que debeu ser románica nos seus orixes, estaba medio arruinada cando se acordou o seu traslado, e dela só se conserva a pía bautismal, que agora está no adro da nova igrexa ao igual que o antigo altar e restos de canterías labradas, que seica apareceron onda o centro social.

Imaxes desaparecidas

No interior hai un único retablo feito en 1850, que preside a imaxe do San Miguel, traída da antiga igrexa, ao igual que as da Virxe do Carme, San Roque, Santa Lucía e San Antonio; o resto, incluíndo un Santo Cristo mercado en 1815, a Virxe das Dores, a do patrón a cabalo, son máis recentes. Nada sabemos das imaxes de San Lourenzo e San Estevo que figuran no libro de fabrica en 1737, nin das de San Andrés, San Mauro, Santa Margarida, San Sebastián, O Espírito Santo, a Virxe do Rosario e a do Santísimo, que tiveron capelanías na antiga igrexa parroquial nos séculos XVII e XVIII. E tampouco sabemos que foi dos tres retablos da vella igrexa construídos nos primeiros anos do século XVIII, o principal dedicado a San Miguel e os dous laterais á Virxe do Rosario e San Roquem que poida que podreceran, cando o templo estaba ameazado pola ruína.

Fronte á igrexa hai un ben labrado cruceiro procesional,doado por unha veciña en 1991, que paga pena ollar pola abundante iconografía que presenta, destacando a representación do pecado orixinal con Adán e Eva coa inseparable serpe.

Nos séculos medios, as terras de Lamela pertenceron aos monxes de Aciveiro, que as tiñan aforadas aos veciños, logo serían dominio dos Condes de Altamira e máis tarde pasarían a engrosar as propiedades dos Fernández de Deza de Cervaña, emparentados cos marqueses de Santa Cruz de Ribadulla, que tiñan o padroado desta parroquia.

A parroquia celebra tamén a festividade do San Marcos, na súa capela que xa existía a principios do século XVIII, a finais de abril, con misas, procesión na que o santo milagreiro conta coa compaña da Virxe das Dores, e bendición dos campos dende a antiga cruz que preside un penedal que domina a parroquia, e tamén unha tradicional romaría á que hai anos acudían moitos ofrecidos e devotos e que dende 2011, colleu novo pulo coma Romaría Enxebre Gastronómica do San Marcos. E tamén é soado o seu Entroido, un dos máis concorridos e divertidos do Ulla.

Próximo libro

Da parroquia xa temos publicado en libros e xornais, as últimas reportaxes referidas a celebración do San Marcos e 50º aniversario do achádego dos brazaletes de ouro de Barravaite, que se mostran no Museo de Pontevedra. E na actualidade andamos a preparar un libro en colaboración cos amigos Diego Frade Amil, Xoán Carlos García Porral, Óscar González Murado, Mateo Varela Cornado e Cesar Gómez Buxán, por encargo do home de prol destas terras Miguel Villar, no que se pretenden recoller os aspectos históricos e patrimoniais máis destacados desta antiga parroquia que ten o seu presente e futuro vencellado ao cada vez máis transitado camiño a Compostela.

Compartir el artículo

stats