Antes do seu pasamento, acontecido en 2015, Xosé Neira Vilas deixou escritos nos que rememora experiencias, traballos e reflexións artelladas arredor da figura do seu pai. Este conxunto de lembranzas ve agora a luz baixo o título Co pai, un libro publicado por Editorial Galaxia que foi presentado onte á tardiña na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, precisamente, no auditorio que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, agradeceu á Fundación Neira Vilas; á editora, Dolores Vilavedra, e a Galaxia, "así como ao propio Pepe, o poder seguir gozando de novos textos do que foi o autor do primeiro best-seller en galego, a través do que tantas persoas descubriron o valor da nosa lingua como idioma literario e de cultura". E valorou "volver atopar esa prosa breve, condensada, aparentemente sinxela en que as anécdotas e lembranzas que semellan intrascendentes nos levan a reflexionar sobre realidades moito máis profundas". Tamén interviñeron na presentación Fernando Redondo Neira, presidente da fundación con sede en Gres, e Víctor Fernández Freixanes, conselleiro da editorial e presidente da Real Academia Galega.

Desta obra de carácter memorialístico cómpre salientar a singular prosa poética do seu autor, que se desprega sobre unha serie de textos breves nos que se xuntan a dimensión narrativa e a lírica. Engádese así este libro póstumo a outros cos que Neira Vilas foi elaborando unha memoria literaria coa que evocar o eido orixinario e os afectos familiares: Lar (1973), evocación da primeira viaxe a Galicia tras 24 anos na emigración; Nai (1980), semblanza da súa nai, Manuela Vilas Arteaga; e Pan (1986), recordo dos anos de infancia e adolescencia. Os tres volumes foron recollidos por Galaxia na obra Charamuscas (1993) e levados de novo ao prelo pola mesma editorial en 2014, co título Lar-Nai-Pan. Agora péchase o círculo memorialístico do literato de Gres coa obra adicada ao pai, Xosé Neira Silva, home de múltiples oficios, como o ten descrito tantas veces o fillo escritor, e que aquí é caracterizado como "carpinteiro de trencha fina".