Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fe perdura no grandioso santuario de Abades

A parroquia de Trasdeza celebrou a romaría da Nosa Señora dos Desamparados no templo que ten a torre máis alta da comarca

Unha das imaxes da Virxe con cirios e exvotos ás portas do templo.

Podería ter sido tan célebre e concorrido coma o Santuario da Virxe do Corpiño, en terras de Lalín, co que estivo vencellado deica hai poucos anos. Pero este da Nosa Señora dos Desamparados de Abades, que fundara o sacerdote Josef Joaquín de Espés a mediados do século XVIII traendo a imaxe e a devoción da súa Valencia natal, non tivo en décadas posteriores axeitado impulso e promoción, para que acadara o renome daquel que día a día ve aumentar o numero de romeiros e ofrecidos que, dende todos os recantos de Galicia, chegan á parroquia lalinense de Losón na procura de remedio aos seus males e enfermidades. Malia todo, o Santuario de Abades mantén un amplo poder de convocatoria entre os devotos das parroquias dos contornos, que aquí se achegan nas varias celebracións anuais que teñen por escenario este grandioso templo, un dos maiores en dimensións e beleza artística de cantos se atopan na comarca de Deza.

A pasada fin de semana celebrouse a romaría da Nosa Señora dos Desamparados, unha festa que nos últimos anos fica reducida aos actos relixiosos. Houbo misas rezadas que comezaron de mañá cedo e remataron coa solemne a mediodía, todas elas con notable concorrencia. Nos cubertos do exterior do templo vendíanse cirios, exvotos e rosquillas de Abades e Piloño. Logo saiu a procesión, coa imaxe dos Desamparados coñecida coma a "Peregrina", que deu a volta ao redor do templo, nesta ocasión co acompañamento musical dun acordeón e abundantes foguetes. Despois algúns fieis cumpriron co ritual de subir polas escaleiras de cantería que levan á imaxe da Virxe que está no seu camerino do atar maior para rezar, tocar o manto e deixar esmolas. A imaxe da Virxe dos Desamparados xira cento oitenta graos para este mester e dela penduran billetes de curso legal doados polos devotos. Esta Virxe é avogada dos que sofren enfermidades mentais, malos tratos, dos nenos expósitos e dos presos e as prostitutas.

Unha semana antes, o domingo 22 de setembro, no mesmo santuario, celebrouse a festa que honra á Virxe das Dores e o Corpus, da que a procesión sobe deica o fermoso cruceiro de onda a fonte, un bo exemplar con ben labradas imaxes de Cristo e a Virxe que aquí se venera, datado en 1698, e que se atopa preto dunha antiga fonte milagreira.

Do santuario construído por Melchor Ricoy a finais do século XVIII, dise que ten a torre máis elevada da comarca de Deza. Para poñer a cruz que o culmina foi precisa a intervención do famoso escalatorres granadino José Puertollano, que a principios do ano 1910, subiu a cruz de cantería de máis de dous metros de altura e por riba dos douscentos quilos de peso, para poñela no seu lugar. Anos antes, este famoso acróbata escalara as torres da Berenguela, en Santiago, a dos Clérigos, en O Porto, ou a do Pilar, en Zaragoza.

Desta grandiosa obra neoclásica, e tamén da antiga igrexa da parroquia que se atopa nas proximidades e conserva toda a pureza do románico e pinturas do gótico, publicou recentemente un libro José Mª Ferrer Valiente ( Santuario da Nosa Señora dos Desamparados. Edicións Fervenza, 2019), unha completa edición que pode contribuír, xunto a outros traballos que se están a preparar, a que este impresionante conxunto sacro que completan cruceiro, fonte e reitoral sexa aínda máis coñecido e visitado por nativos e turistas que polo de agora en número escaso se ven sorprendidos cando lles é mostrado polo amigo Antonio da Bouza, sancristán da parroquia, sempre atento e servizal.

No interior destacan os seus retablos con ducias de imaxes de varias épocas, un par delas do escultor santiagués Xosé Gambino, as pinturas murais do famoso pintor e Xoán Calvelo ou o singular órgano construído a finais do século XVIII por frei Felipe de la Peña.

Na parroquia, a maiores das festas referidas dos Desamparados e As Dores co Corpus, celébranse tamén o Carme, o domingo de Pascua, en que ten lugar a célebre Romaría da Rosquilla; a Santa María, titular dafreguesía, o 15 de agosto, co San Roque ao día seguinte. E anos atrás tiña grande celebración o San Xoán, ao que concorrían moitos peregrinos que ían ou viñan do Corpiño. No lugar de Bazar ten a súa festa e capela o San Caetano, do que a imaxe sae en procesión coas de Santiago e San Francisco, coa concorrencia de moitos ofrecidos e xantar de carballeira.

Compartir el artículo

stats